Carmen Pomar salienta a traxectoria do IES O Ribeiro como centro de referencia na comarca durante máis de medio século

Interesouse polo funcionamento do Bacharelato de Artes, que se implantou este ano por primeira vez no centro
Mér, 06/11/2019 - 16:33

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES O Ribeiro, do que salientou a súa ampla traxectoria, de máis de medio século, como centro de referencia na comarca. De feito, este mesmo ano o instituto incorporou o Bacharelato de Artes, que permite que o alumnado da zona que desexe cursar estas ensinanzas non se teña que desprazar a Ourense ou Vigo.

A titular do departamento educativo da Xunta destacou tamén a estreita relación do centro coa realidade socioeconómica da contorna. Non en balde, o IES O Ribeiro é un dos dous centros de ensino galegos que oferta o ciclo de grao medio de Formación Profesional en Aceites de oliva e viños e un dos catro que imparte o de grao superior en Vitivinicultura. Así mesmo, conta na súa oferta cos graos básicos de Industrias alimentarias e de Mantemento de vehículos e co grao medio en Electromecánica de vehículos automóbiles, o que permite configurar un itinerario completo para o alumnado de FP nunha destas dúas familias profesionais.

Carmen Pomar felicitou ademais á comunidade educativa pola súa implicación en diferentes programas como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) ou os Clubs de Lectura. Así mesmo, o IES incorporouse ao proxecto de libro dixital E-Dixgal no curso 18/19 e desenvolveu o programa Paisaxe e sustentabilidade, do Plan Proxecta.