As universidades galegas perciben preto de oito millóns de euros dos fondos Feder

O obxectivo destas axudas é poñer a disposición da comunidade científica galega o equipamento necesario para o desenvolvemento das súas actividades de investigación

Dom, 17/07/2011 - 10:00

As universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) van percibir 7.817.447 euros dos fondos Feder para Infraestruturas Científico- Tecnolóxicas, no marco do Programa Operativo Economía Baseada no Coñecemento 2007-2013 (POEC).

O reparto de dita contía foi decidido nunha reunión da Comisión de Selección de Proxectos correspondentes a Galicia, na que a Consellería de Educación estivo representada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

O obxectivo destas axudas é poñer a disposición da comunidade científica galega o equipamento científico-tecnolóxico necesario para o desenvolvemento das súas actividades de investigación.

Proxectos financiados

As axudas adxudicadas repartíronse entre 18 proxectos da Universidade de Santiago de Compostela, cun importe total de 2.479.690 euros; así como 12 da Universidade da Coruña por 3.616.396 euros; e catro da Universidade de Vigo, por 1.721.360 euros.

Na aprobación de ditos proxectos tívose en conta a relevancia dos mesmos de cara ao desenvolvemento rexional. Os preto de oito millóns correspóndense coa concesión de axudas á ciencia e tecnoloxía na liña instrumental de actuación incluída no Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, 2008-2011.