Para o alumnado non universitario a convocatoria anual publícase no Diario Oficial de Galicia a principios do mes de xuño. E na páxina web e/ou taboleiro de anuncios dos centros residencias docentes da Coruña, Ourense e Vigo publícase nos 3 días seguintes:
- A estimación do alumnado residente que poida ter reserva de praza por continuar estudos.
- A estimación das prazas vacantes.
O alumnado admitido ten dereito á reserva de praza ata que complete os estudos que dean lugar á obtención dun título académico, sempre que non repita curso e non varíen as circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.
Para o alumnado universitario o número de prazas ofertadas é o que indica a convocatoria anual, que se publica no Diario Oficial de Galicia a principios do mes de xullo.
Solicitude e listaxes
O alumnado matriculado no período ordinario de matrícula pode presentar a solicitude de praza de residencia ou de colaborador bolseiro, segundo o caso, no período ordinario, que fixa a convocatoria anual en función das datas de matricula e experimenta lixeiras variacións.
Pero, se unha vez tramitadas estas solicitudes e adxudicadas as prazas ao alumnado admitido en período ordinario, seguise habendo vacantes no centro residencial, este abriría un período extraordinario de presentación de solicitudes.
O modelo de solicitude:
- Alumnado non universitario: Formulario ED306A
- Alumnado universitario: Formulario ED308A
Está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e as persoas interesadas poden presentala de forma electrónica ou presencial no propio centro residencial ou en calquera rexistro público. A solicitude debe dirixirse ao centro residencial docente no que se solicite a praza.
A tramitación consiste na publicación na páxina web da consellería competente en materia de educación e nas páxinas web e/ou taboleiros de anuncios dos centros residenciais da:
- Listaxe provisional de admitidos, indicando a puntuación total e desagregada e de excluídos, indicando a causa de exclusión.
- Listaxe definitiva co mesmo contido que a provisional, e ademais o centro docente no que está matriculada a persoa beneficiaria.
A data de publicación das listaxes fíxaa a convocatoria anual e experimenta lixeiras variacións.