Carmen Pomar gaba a traxectoria histórica do IES Fernando Blanco na entrega dos seus premios académicos

A conselleira de Educación presidiu a entrega destes galardóns
Cinco alumnas e alumnos recibiron hoxe estes recoñecementos polos seus bos expedientes
Ven, 18/10/2019 - 14:59

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe a entrega dos Premios Académicos Fernando Blanco correspondentes ao curso 2018/19, un acto no que gabou a traxectoria histórica deste centro ceense, “inaugurado o 2 de outubro de 1886 e dotado co máis avanzado material pedagóxico do momento, cuns profesores altamente cualificados e unhas instalacións educativas fóra do común no rural galego a finais do século XIX”.

Tal e como explicou a conselleira, o IES Fernando Blanco “converteuse na pedra angular do desenvolvemento educativo, cultural e social da vila, grazas a unha singular experiencia pedagóxica que combinaba a educación humanista e científica co ensino de materias prácticas, precisas para o desenvolvemento económico da comarca”, e contaba con regulamento que “recollían actitudes pedagóxicas modernas que tardarían anos en ser aceptadas. Destacaban ademais a grandiosidade do seu xardín botánico e a súa biblioteca, excepcionalmente ben dotada”, dixo.

Carmen Pomar lembrou que en Galicia contamos “cun rico e senlleiro patrimonio histórico educativo que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pon en valor, favorece o seu estudo e conservación, restaura e difunde, para achegar a historia da educación á cidadanía”. Neste sentido lembrou que o seu departamento está a preparar unha normativa específica para o recoñecemento e regulación dos centros históricos de Galicia, “tanto os seis xa considerados como tal e que compoñen a Rede MUPEGA, como outros dignos de acadar este recoñecemento”. A devandita rede está composta a día de hoxe polos IES Otero Pedrayo (Ourense), Lucus Augusti (Lugo), Xelmírez I (Santiago de Compostela), Salvador de Madariaga (A Coruña),Sánchez Cantón (Pontevedra) e Eusebio da Guarda (A Coruña) .

Recoñecemento ao esforzo

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo felicitar aos premiados por ter acadado estes galardóns, que constitúen un recoñecemento “ao esforzo, o traballo, a dedicación e as aptitudes do alumnado, pero tamén os seus valores”. Así mesmo, fixo fincapé en que a educación é un proceso ao longo da vida do ser humano, “o piar fundamental do desenvolvemento de cada persoa e a base de sociedades máis libres, equitativas, solidarias e tolerantes”.

“Neste mundo globalizado e apurado no que vivimos, a aprendizaxe é un proceso continuo que vai durar mentres esteamos vivos, polo que é necesario promover a cultura do esforzo no alumnado como unha garantía de progreso persoal”. “Felicidades de novo aos cinco premiados e á Fundación Fernando Blanco de Lema e a este centro por esta iniciativa que pon en valor o esforzo e o compromiso coa educación”, rematou.

Galardoadas

A Fundación Fernando Blanco de Lema e o IES Fernando Blanco de Cee outorgando estes premios aos mellores expedientes académicos do centro. As alumnas e alumnos que optan a estes galardón deberán ter todas as materias aprobadas en xuño, cunha nota media mínima de 8,5.

As notas dos premiados/as desta edición oscilaron entre o 8,83 e o 9,85. As persoas premiadas desta oitava edición foron Laura Cernadas Gómez (2º de ESO), Brais Velay Vázquez (1º de Bacharelato), Xabier Larrañaga Ledo (1º de Bacharelato), Constantina Casais Caramés (1º de ciclo de FP de grao medio en Xestión Administrativa) e Alejandra Judith Cos Rodríguez (1º de ciclo de FP de grao superior en Administración e finanzas).

Cada un dos Premios está valorado en 500 € (220 € en metálico e 280 € en vales de compra). Os galardóns procuran recoñecer o esforzo, traballo, dedicación e aptitudes do alumnado, así como recuperar una tradición histórica da Fundación Fernando Blanco, posto que no Capítulo XV do Regulamento do Colexio-Instituto, publicado en 1886, establecíase que en cada materia impartida no centro, outorgaríase un premio extraordinario, un premio ordinario e unha mención honorífica por cada 20 estudantes. Este ano o acto de entrega coincide co 223 aniversario do nacemento de Fernando Blanco de Lema, o 18 de outubro de 1796 en Cee.

No acto participaron tamén a directora do IES Fernando Blanco, Consuelo Trillo Lago; a alcaldesa e presidenta da Fundación, Margarita Lamela; e o secretario da Fundación,  Darío Areas.