Carmen Pomar agradece a contribución dos docentes ao progreso e desenvolvemento de Galicia

A consellería de Educación presidiu o acto do Día Mundial dos Docentes

Sáb, 05/10/2019 - 12:30
Carmen Pomar agradece a contribución dos docentes ao progreso e desenvolvemento de Galicia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe o acto do Día do Docente, no que se homenaxeou a todo o profesorado en xeral e, en particular, aos 40 docentes que se xubilan este 2019 con máis anos de servizo prestados. A cerimonia celebrouse no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago de Compostela.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que a transmisión de coñecementos e valores aos máis novos é unha tarefa esixente, que require enfocar cada xornada dun xeito creativo. “Require tamén curiosidade, formación continua, flexibilidade e adaptación; require paciencia, empatía e esixencia, persoal e cos demais”.

Carmen Pomar agradeceu o labor dos docentes que se xubilan este ano, “no nome de toda a sociedade galega, por contribuír ao progreso e o desenvolvemento do noso país, formando as mentes da nosa mocidade”. Neste sentido salientou a súa capacidade de educar, “de buscar lugares de entendemento coas vosas alumnas e alumnos, espazos de coñecemento compartido que iluminaron e retaron a súa intelixencia, construíndo o seu coñecemento dun xeito significativo e útil”. “A vós, os que personificades ao docente con maiúsculas, quero expresarvos a miña admiración e recoñecemento pola misión que tedes cumprido nos colexios e institutos”, dixo.

Así mesmo a conselleira quixo facer tamén extensivo o agradecemento a todos os docentes, “aos que empezan, cheos de ganas e ilusión; e aos que levan algún tempo, superaron xa dificultades e seguen, traballando para ser aínda mellores mestres, mellores profesores”.

A UNESCO celebra desde o ano 1994 cada 5 de outubro o Día Mundial dos Docentes, que conmemora o aniversario da subscrición da Recomendación da Organización Internacional do Traballo (OIT) e da propia UNESCO en relación á Situación do Persoal Docente (1966). Esta Recomendación establece criterios de referencia no referido aos dereitos e responsabilidades dos docentes, ás normas para a súa formación inicial e perfeccionamento, á contratación, ao emprego e ás condicións de ensinanza e aprendizaxe. O seu obxectivo é homenaxear aos docentes, facer balance dos logros educativos e abordar algunhas das cuestións fundamentais arredor desta profesión.