O estudo Situación da Educación en España confirma a excelente saúde da FP en Galicia

A conselleira participou na presentación do informe elaborado por Educa 20.20 e a Fundación AXA
A meirande parte das familias ten unha imaxe positiva da FP pola súa adaptación ao tecido produtivo e os seus altos niveis de empregabilidade
Lun, 01/07/2019 - 12:20

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na presentación do estudo Situación da Educación en España: falan 19.000 familias de alumnos. Galicia, elaborado polo foro de investigación periodística Educa 20.20 en colaboración coa Fundación AXA e Sigmados, e que en Galicia contou cunha mostra de preto de 1000 entrevistas a nais e pais sobre a perspectiva que teñen da educación que están a recibir as súas fillas e fillos.

Tal e como salientou a conselleira, o estudo determina que en Galicia son minoritarios quen pensan que a FP conta cunha mala imaxe, o que se contrapón totalmente co dato nacional.  Segundo o propio informe, as familias que pensan que a FP non ten unha mala imaxe atribúeno á rápida incorporación ao mercado laboral dos seus titulados, ao axuste da oferta, á adaptación ao futuro laboral e ao contacto coas empresas que ofrece a FP Dual.

O descoñecemento da FP en Galicia é mínimo, acadando niveis de coñecemento case totais (só dun 1%) e a puntuación xeral da FP en Galicia é de 7 puntos de valoración sobre 10, un dato moi positivo que a conselleira quixo agradecer a alumnado, docentes, centros educativos e empresas colaboradoras, polo seu traballo e compromiso. “Sen este labor, a FP galega non podería ser hoxe, como o é, referente en todo o Estado”.

Estratexia STEM

Carmen Pomar quixo tamén salientar os resultados que está a dar a estratexia STEM desenvolvida polo seu departamento no marco de Edudixital 2020. Non en balde, segundo o estudo o alumnado galego destaca respecto aos do resto de España pola maior porcentaxe deles que estudan a rama de Bacharelato de Ciencias (o 48,9% fronte á media nacional do 39,4%).

Así mesmo, o 56% das nais e pais galegos conversaron cos seus fillos sobre a conveniencia de optar por unha carreira STEM, unha porcentaxe superior que a nivel nacional (un 49,8%). “Penso que estamos a avanzar nun sentido positivo neste labor que temos de incrementar as vocacións STEM, que van desembocar en profesións de futuro, entre os máis novos”, dixo a conselleira.

Satisfacción das familias

Un  dos principais obxectivos do estudo presentado hoxe é medir a satisfacción das familias. Neste sentido, o 61,8% das nais e pais consideran que existe en Galicia unha oferta axeitadas para a formación dos seus fillos ao rematar o instituto e o 66,2% considera que a formación en idiomas que reciben os seus fillos no centro educativo de cara ao futuro laboral é adecuada.

Por outra parte, o 76,2% das nais e pais consideran que os seus fillos están a obter bos resultados académicos, froito do esforzo, a motivación e apoio. “Isto denota que en Galicia prima a cultura do esforzo que desde esta Consellería intentamos reforzar e destacar sempre por riba de calquera outro indicador”, sinalou Pomar.

Para rematar a conselleira quixo facer fincapé no elemento que o estudo sinala como o máis valorado polas nais e pais: acadar a felicidade no traballo e escollelo en función da vocación de cada quen. “Penso que co traballo que todas as partes estamos a desenvolver, cun peso fundamental por suposto do apoio das familias, conseguiremos ese obxectivo”, dixo.

Na rolda de prensa, ademais da conselleira, participaron o director da Fundación AXA, Josep Alfonso; e o presidente de Educa 20.20, Fernando Jáuregui.