17 centros escolares expoñen os seus proxectos educativos na III Feira Piteas

A conselleira Carmen Pomar visitou os stands onde coñeceu da man dos alumnos os proxectos desenvolvidos
Este programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento promovido pola Fundación Barrié co apoio da Consellería de Educación acada a día de hoxe máis de 2.600 alumnos e uns 500 docentes implicados
Logo de dous anos de funcionamento, constátanse resultados positivos canto á capacidade de aprendizaxe, as habilidades de comunicación e no traballo en equipo do alumnado que participa neste proxecto
Ven, 14/06/2019 - 18:31

Un total de 17 centros docentes expoñen os seus proxectos educativos na terceira edición da Feira PITEAS, que hoxe se celebra na Cidade da Cultura de Galicia, ata onde se achegou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, para coñecer da man dos propios alumnos os traballos levados a cabo ao longo do curso.

A conselleira felicitou tanto aos alumnos como aos seus profesores pola calidade dos traballos expostos, e cuxas temáticas -de libre elección por parte dos centros- reflicten tamén o interese dos rapaces por temas que eles consideran importantes como son o medio ambiente e o coidado da natureza, a ciencia e a tecnoloxía, a inclusión e a cultura, entre outros. “Con estes traballos -dixo- contades ao mundo como se pode aprender doutra maneira, facendo realidade a visión das escolas como centros de desenvolvemento do talento”.

Carmen Pomar salientou a importancia de formar persoas “con capacidade de comunicación, adaptables, creativas e con altas doses de curiosidade”, xa que son habilidades imprescindibles nun mundo globalizado onde a esixencia de coñecementos e destrezas está mutando de xeito permanente. “O proxecto PITEAS procura ese enriquecentemo para todo o alumnado, pero só se pode lograr con altos niveis de compromiso e o uso de experiencias de aprendizaxe diferentes”, concluíu.

Carmen Pomar aproveitou para facer un balance positivo desta experiencia que naceu como proxecto piloto no curso 2016/17 con 7 centros e que a día de hoxe abrangue 17 centros, que acadan os 2.665 alumnos e preto de 500 docentes implicados.

Cómpre lembrar que, logo de dous anos de funcionamento, os resultados obtidos constatan que esta acción contribúe a unha mellora significativa na capacidade de aprendizaxe, na comunicación e expresión, na motivación, no traballo en equipo e no desenvolvemento dos talentos tanto do alumnado coma do profesorado dos centros participantes, o que xera un clima de aprendizaxe moi positivo.

Potenciar o talento nas aulas

Piteas é unha iniciativa promovida pola Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a participación da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela, que naceu en maio de 2016 como un proxecto para a detección e o desenvolvemento dos talentos de todo o alumnado que implicou, com consecuencia, a mellora da formación do profesorado e de apoio e asesoramento aos centros educativos.

O obxectivo principal deste  programa é potenciar o talento nas aulas a través da implantación dun modelo de enriquecemento para todo o alumnado, baseado no modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model), de Renzulli e Reis, da Universidade de Connecticut, adaptándoo á nosa realidade educativa e, especialmente, seguindo as directrices europeas no relativo ao desenvolvemento das competencias clave.

O programa inclúe un plan de formación do profesorado, a implantación de proxectos na aula, a presentación e difusión de ditos proxectos, e unha investigación da USC que inclúe a avaliación das competencias do alumnado.

A filosofía SEM, a investigación e a ciencia, a oratoria, o debate e a comunicación son algunhas das liñas de traballo por proxectos do profesorado dos centros educativos participantes en PITEAS no período 2016-2020.

A día de hoxe a rede de centros PITEAS está composta por 17 centros escolares, aos que hai que engadir outros 11 centros que se están iniciando no coñecemento do modelo SEM e, unha vez finalizado este achegamento, poderán optar a incorporarse á rede PITEAS de traballo con proxectos e apoio con mentorización.