A Consellería de Educación licita a obra do novo CEIP de Vilalonga (Sanxenxo)

A previsión é que o centro estea operativo no curso 2020/21
Mér, 22/05/2019 - 17:08

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de licitar a obra do novo CEIP no Revel, Vilalonga, no concello de Sanxenxo (Pontevedra), por un importe de 5.138.980,53 €. A licitación pode consultarse na plataforma Contratos de Galicia, no enlace https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=529295&lang=gl . A previsión é que o centro, que terá capacidade para 450 alumnas e alumnos, estea operativo no curso 2020/21.

O novo CEIP dará resposta ás necesidades de escolarización dunha zona na que o centro de referencia é o CEIP Cruceiro, moi antigo. O centro albergará 18 aulas docentes (6 de infantil e 12 de primaria), 4 aulas de apoio educativo, aula de usos múltiples, biblioteca, aulas de informática e música, ximnasio e comedor así como unha zona de administración que incluirá despacho do director, do xefe de estudos e de coordinación e orientación, secretaría e arquivos, sala de profesores, ANPAS, aseos e conserxería. Así mesmo contará cos servizos comúns correspondentes.

O edificio estruturarase en tres plantas, pequeno semisoto, planta baixa e primeira. Na planta semisoto situaranse as zonas de instalacións e o ximnasio, mentres que a planta baixa albergará os accesos ao centro, a sala de comedor-usos múltiples, sala de profesores, administración, aulas de infantil e desdobre, así como a biblioteca, aula de informática e un gran patio central. Na planta primeira estarán as aulas de primaria, a de música e a de orientación. Na zona sur na zona libre da parcela haberá unha pista polideportiva.

O centro contará con accesos independentes para o tráfico rodado e para o peonil, así como cun terceiro acceso para persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, estará dotado de aparcadoiros.

O Concello de Sanxenxo xa puxo a disposición da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional os terreos necesarios, que suman en total preto de 15.000 metros cadrados, a través dun convenio asinado o 22 de agosto de 2018.