XXXVI Olimpíada Galega de Química 2019
Xov, 14/02/2019 - 14:54

A Asociación de Químicos de Galicia, coa colaboración do Colexio Oficial de Químicos de Galicia organiza, o 23 de marzo de 2019, nas sedes da Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo a edición XXXVI desta Olimpíada. O  evento vai dirixido ao alumnado de calquera centro público ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia matriculado no Bacharelato, durante o curso 2018/19, e que non teña cumpridos dezanove anos o 1 de outubro de 2019. Con carácter excepcional, tamén poderá concursar o alumnado  do 2º ciclo da ESO de excelentes capacidades.

As probas, cuxo contido versará sobre aqueles aspectos da Química que estean recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, conterán tanto cuestións tipo test como problemas e interpretación dun suposto práctico de laboratorio.

O prazo para as solicitudes de participación é ata o 13 de marzo de 2019, indicando expresamente en que cidade quere realizar as probas.

A  Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia recoñecerá estas fases (local e nacional) como actividades de innovación educativa cunha certificación ao profesorado participante equivalente a 15 horas de formación en caso de fase autonómica e 25 horas na fase nacional.