Educación terá lista para o inicio do curso 2019/2020 a ampliación do CEIP Plurilingüe Eladia Mariño (Cabanas)

Carmen Pomar visitou esta mañá o centro, así como o CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos)

Cun investimento superior aos 520.000 euros, a actuación permitirá dotar o centro dun novo patio cuberto e de máis espazos para a atención á diversidade, así como de nova biblioteca e aula de usos múltiples

Mar, 12/02/2019 - 12:40
Educación terá lista para o inicio do curso 2019/2020 a ampliación do CEIP Plurilingüe Eladia Mariño (Cabanas)

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou hoxe que o seu departamento prevé rematar para o inicio do curso 2019/2020 a obra de ampliación do CEIP Plurilingüe Eladia Mariño, na localidade coruñesa de Cabanas. Durante unha visita a este centro, explicou que esta actuación permitirá dotalo dun novo patio cuberto e de máis espazos para a atención á diversidade do alumnado.

Cun investimento superior aos 520.000 euros, o proxecto contempla tanto accións de remodelación no interior da edificación existente como a ampliación da mesma para xerar novos espazos, como unha sala de usos múltiples e un patio cuberto de máis de 130 m². O novo edificio sitúase nun módulo anexo pola parte posterior do CEIP.

A nova biblioteca do centro situarase na que ata o momento era a zona de xogos cuberta, espazo que tamén se empregará para comunicar os dous edificios. Ademais, na edificación actual modificarase o lugar que ocupan os aseos do alumnado no andar baixo e crearanse espazos para Orientación e desdobramentos. Todos os andares estarán comunicados a través dun núcleo de escaleiras e dun ascensor de nova instalación, que se complementa cunha rampla de comunicación co patio cuberto.

Esta ampliación eleva o investimento da Consellería desde 2009 neste centro educativo –o único do concello– a arredor de 700.000 euros. Cómpre salientar que o CEIP ademais de ser plurilingüe e contar a maiores con sección bilingüe, participa este curso en dúas liñas dos contratos-programa. Conta, así mesmo, cunha biblioteca moi activa que forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) e que desenvolve iniciativas de aprendizaxe por proxectos.

CEIP Francisco Vales Villamarín

Carmen Pomar visitou esta mañá tamén o CEIP Francisco Vales Villamarín, no que a Consellería investiu o pasado ano arredor de 488.000 euros en obras de eficiencia enerxética e funcional, que foron cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Feder.

A actuación consistiu no illamento da fachada polo exterior mediante un sistema de envolvente continua e na substitución das ventás por outras de aluminio de primeira calidade, con rotura de ponte térmica e acristalamento dobre con cámara de aire. Ademais renováronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética LED e pintouse o interior do mesmo segundo o estudo cromático elaborado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Previamente ás obras, o edificio tiña unha cualificación enerxética G en consumo de enerxía primaria non renovable e F en emisións de dióxido de carbono. Trala intervención realizada, o edificio pasou a obter unhas cualificacións de E e D, respectivamente.

Carmen Pomar lembrou que desde o 2009 o departamento educativo da Xunta de Galicia leva investidos preto de 3,8 millóns de euros neste centro en obras, das que destacou a devandita rehabilitación e a construción do novo aulario de infantil.

A conselleira quixo salientar tamén o labor da comunidade educativa, coa participación en diversas accións máis aló do currículo escolar. Non en balde, o CEIP Francisco Vales Villamarín desenvolve tamén este curso dúas liñas dos contratos-programa, ademais da iniciativa Introdución da Robótica en Primaria. Así mesmo, forma parte do Plambe, do programa de libro dixital E-Dixgal e participa, entre outras iniciativas, en varios programas do Plan Proxecta.

Nas visitas desta mañá a conselleira estivo acompañada polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, e polos alcaldes de Cabanas e de Betanzos, Germán Castrillón e María Barral, respectivamente.