Carmen Pomar salienta a importancia da xestión e o liderado no éxito das estruturas de investigación universitaria

A conselleira participou na apertura do Programa formativo en xestión estratéxica de centros e unidades de investigación de excelencia (GESCI)
A titular de Educación da Xunta fixo tamén fincapé na necesidade de reverter na sociedade o esforzo económico realizado en materia de I+D+i
Ven, 26/10/2018 - 13:56

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na apertura do Programa formativo en xestión estratéxica de centros e unidades de investigación de excelencia (GESCI), onde salientou a importancia da alta capacidade de xestión e liderado para conducir cara ao éxito ás estruturas de investigación universitaria, especialmente nas contornas complexas, cambiantes e competitivas nas que se desenvolven. A este respecto, agradeceu o compromiso dos participantes deste programa –investigadores do Sistema Universitario Galego (SUG) que son ou queren formarse para ser líderes de unidades e centros de I+D– e destacou o seu papel como “peza clave para xestionar e maximizar os recursos que situarán as vosas organizacións no liderado internacional”.

Respecto do GESCI, a conselleira explicou que é unha das liñas de acción que o Goberno galego mantén, en colaboración coa Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), para impulsar un plan de posicionamento e captación de proxectos europeos para o SUG. “O noso ambicioso obxectivo é que os centros universitarios galegos obteñan maiores cotas de financiación, que capten e reteñan máis talento investigador e que poidan transferir as tecnoloxías e coñecementos que desenvolvan ás administracións e empresas do país”, dixo.

Neste sentido a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo facer fincapé tamén na necesidade de empezar a reverter na sociedade parte do investimento que esta ten feito na universidade e na investigación, incluso en tempos de crise.

Compromiso co modelo de I+D+i

Durante a súa intervención a conselleira definiu o sistema de investigación universitaria de Galicia como un modelo que acadou a etapa madura, sustentado en catro piares de apoio: a formación, a captación e retención de talento, os grupos de investigación e as grandes estruturas. Así mesmo, destacou o papel das grandes estruturas (CIMUS, CIQUS, CITIUS CITIC, CINBIO, ATLANTIC e CIM) á hora de colocar o sistema galego á cabeza de España.

Deste xeito, quixo reafirmarse no seu compromiso de “seguir reforzando estes centros de investigación punteiros, así como os programas de captación e estabilización de talento”.

No acto de apertura participaron, ademais da conselleira, o director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro; o director da rede CERCA de Institutos de Investigación de Cataluña, Lluís Rovira, e o que é o primeiro galego en conseguir a prestixiosa bolsa Synergy Grant, o investigador do departamento de Fisioloxía e integrante do grupo de Metabolismo Molecular  da Universidade de Santiago de Compostela, Rubén Nogueiras.

Formación pioneira

O programa GESCI enmárcase no convenio asinado entre a Consellería e FEUGA través do que as partes colaboran na transferencia de coñecemento e no posicionamento internacional do SUG. En concreto a liña de actuación consiste na organización de tres edicións de dous programas formativos pioneiros en España de xestión estratéxica (GESCI) e operativa (GOSCI) de centros e unidades de investigación de excelencia.

GESCI ten como obxectivo potenciar as capacidades dos investigadores principais do SUG para que lideren as unidades e centros galegos de I+D sobre unha base de eficiencia, accountability e excelencia científica. O programa consta de seis módulos temáticos (posicionamento, estratexia, gobernación, financiamento, persoas, management) e dous workshops (avaliación científica e institucional e habilidades directivas).

Pola súa banda GOSCI ten como finalidade potenciar as capacidades dos xestores de unidades e centros galegos de I+D para que colaboren coa dirección na definición e execución das accións establecidas nos seus plans operativos. O programa consta de seis módulos (posicionamento, estratexia, gobernación, financiamento, persoas, management), e catro workshops (avaliación de portfolio tecnolóxico, Leanstartup e emprendemento áxil, creatividade e European Innovation Council).

Para o deseño destes programas contouse cos mellores especialistas do Estado na materia, como o director da rede CERCA, que é director académico dos mesmos; e no seu desenvolvemento contarán con poñentes de primeiro nivel. 

Posicionamento, transferencia e futuro

Ademais da organización dos devanditos programas formativos, o convenio asinado con FEUGA contempla unha liña de acción dirixida ao posicionamento, promoción, divulgación e captación de proxectos europeos do SUG (2018-2020) para promover a participación de grupos de investigación do SUG en proxectos europeos, así como outra centrada na creación e implantación dun proceso para a detección e preavaliación de tecnoloxías procedentes das universidades cun elevado potencial de transferencia ao mercado.

Ademais estase a elaborar un estudo de prospectiva de tendencias globais e sectores estratéxicos con impacto no emprego de Galicia, co obxectivo de desenvolver un catálogo completo de perfís profesionais de futuro.