Política Lingüística e a UVigo celebran en Pontevedra a xornada Día das Redes Galegas

Valentín García inaugurou a primeira hora de hoxe este encontro centrado en analizar o papel das redes sociais e a figura dos xestores de comunidades virtuais
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolle o encontro, aberto a todo o público interesado
Mér, 25/04/2018 - 13:25
Política Lingüística e a UVigo celebran en Pontevedra a xornada Día das Redes Galegas

A Universidade de Vigo (UVigo) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística celebran por cuarto ano consecutivo a xornada Día das Redes Galegas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu esta mañá ao salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra para inaugurar un encontro que busca analizar o papel das redes sociais no século XXI e poñer en valor a figura dos responsables de comunidades virtuais a través da experiencia de profesionais formados na propia facultade.

García Gómez incidiu na importancia que ten “a presenza do galego nas redes sociais” para o futuro do idioma propio de Galicia e animou o estudantado presente a “convertervos en dinamizadores da lingua desde elas aproveitando o potencial que estas teñen e a formación que vós estades recibindo nesta Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”

Na apertura do encontro interviñeron tamén Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do Campus de Pontevedra en funcións; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística; e Xavier Martínez Rolán, director da xornada.

Experiencias do alumnado titulado

Tituladas e titulados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo participarán como relatores nesta xornada centrada na figura dos community managers. Iniciou as intervencións Lucía Gómez, actual directora de marketing de contidos e medios sociais de Elogia, “unha profesional cunha dilatada experiencia na xestión de redes sociais que traballa nunha das empresas máis punteiras do Estado”, a dicir do profesor Martínez Rolán. Tras ela, intervirán Cristina García -responsable de comunicación e marketing dixital de Esmerarte Industrias Creativas, especialista en redes sociais e en comunicación de eventos musicais- e Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos, que, como explica o director da xornada, “participou entre outros no desenvolvemento dun formato que tivo moito éxito a través de redes sociais como foi a última edición de Operación Triunfo”.

A este alumnado titulado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra súmase a técnica da Área de Normalización Lingüística, Cristina Rodríguez, quen abordou a experiencia de Youtubeir@s, un proxecto dirixido a darlle visibilidade ao uso do galego a través dun concurso nesta rede social. A xornada completarase cun coloquio moderado polo profesor Alberto Dafonte.

Colaboración coa Universidade de Vigo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coas tres universidades galegas nas actividades que estas desenvolven, a través dos seus servizos ou áreas de normalización lingüística, para a promoción do idioma galego. Para iso, asina anualmente cadanseu convenio de colaboración en materia de normalización lingüística, que inclúe actuacións como a organización de xornadas formativas e divulgativas, a convocatoria de premios, o asesoramento lingüístico para traballos de investigación ou a elaboración de material didáctico.

Menús News node R