Educación investiu máis de tres millóns de euros desde 2012 para impulsar a investigación máis excelente no SUG

Un total de 13 científicos -8 deles en activo a día de hoxe- beneficiáronse deste apoio para crear e consolidar as súas propias liñas de traballo

O conselleiro Román Rodríguez mantivo unha xuntanza cos últimos tres Starting Grants que van recibir unha axuda de 700.000 euros, que complementa a do Consello Europeo de Investigación (ERC)

Mar, 10/04/2018 - 13:16
Educación investiu máis de tres millóns de euros desde 2012 para impulsar a investigación máis excelente no SUG

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo cos últimos tres investigadores Starting Grants con axuda por parte do Consello Europeo de Investigación (ERC), que están desenvolvendo o seu traballo na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e na Universidade da Coruña (UDC). Os tres van recibir un reforzo de financiación de 700.000 euros por parte da Consellería para un período de catro anos (desde 2018 ata 2021), con contías que oscilan entre os 200.000 e os 250.000 euros. Trátase de José Manuel Castro Tubío e Mª del Carmen Giménez López, por parte da USC; e Carlos Gómez Rodríguez da Universidade da Coruña. Os tres súmanse aos cinco científicos excelentes, tamén con axuda do Consello Europeo de Investigación, cos que conta o SUG.

Estas axudas forman parte dunha das liñas estratéxicas da Consellería de Educación como é a de potenciar a investigación máis excelente do Sistema Universitario Galego (SUG), na que este departamento leva investidos un total de 3,25 millóns de euros desde o ano 2012 co fin de que os científicos máis relevantes -aqueles que contan coa beca ERC- poidan crear e consolidar os seus propios equipos ou programas de investigación.

O ERC busca impulsar a longo prazo proxectos de científicos excelentes e apoia a creación de equipos para que realicen unha investigación novidosa e potencialmente moi rendible, pero de alto risco.

O Goberno galego súmase a este respaldo da investigación punteira e de reforzo da excelencia científica con partidas complementarias á propia beca ERC durante o período de duración da mesma.

Oito científicos ERC en activo

Deste xeito a Consellería destinou 2.450.000 euros desde o ano 2012 a respaldar os proxectos dos 13 científicos ERC en Galicia, 8 dos cales están actualmente en activo no SUG (na USC desenvolven a súa actividade un Advanced Grants e catro Starting Grants; na Universidade de Vigo hai un Consolidator Grants e un Starting; e na Coruña incorpórase agora Carlos Gómez Rodríguez como Starting).

Estas partidas complementarias do Goberno galego van destinadas a financiar a contratación de persoal investigador ou auxiliar para o equipo dirixido polo investigador principal Starting Grants; para pequeno equipamento e material funxible así como para os custes do mantemento dese material; para material bibliográfico; para adhesión a sociedades científicas; para formación do persoal do equipo relacionado coa actividade do proxecto; para desprazamentos vinculados coa dita actividade; para investigadores visitantes; e para organización de actividades de difusión e ferramentas de xestión do coñecemento e información tales como aplicacións informáticas ou bases de datos, entre outros.

Compromiso coa estabilización no SUG

A maiores, a Consellería destinou outros 800.000 euros a axudas para a estabilización destes científicos no SUG desde o ano 2016. Isto é, garantir que as persoas que rematan a Starting Grants, e continúen traballando nunha das tres universidades galegas, poidan continuar cos seus proxectos de investigación. A día de hoxe un total de 4 Starting -o cen por cen dos posibles- contan con esta axuda a razón de 200.000 euros por científico durante catro anos.

Cómpre lembrar que o compromiso da Xunta de Galicia coa captación e retención destes investigadores de primeiro nivel queda recollido no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020. Tamén se enmarca dentro das accións do Plan Galicia Innova 2020, que aposta polo establecemento de medidas prioritarias para a xeración, atracción, retención e retorno de talento en I+D+i.