Román Rodríguez avoga por afianzar o proceso de modernización educativa en Galicia
O conselleiro de Cultura e Educación clausurou en Lugo unha xornada sobre educación organizada por ANPE
Sáb, 02/12/2017 - 16:30

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, clausurou hoxe as XXI Xornadas do Ensino organizadas por ANPE Lugo, que reuniron na cidade da muralla a unha serie de expertos do ámbito do ensino, do dereito e da pedagoxía, para debater durante dous días sobre o presente e o futuro do sistema educativo.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez subliñou a aposta do seu departamento por afianzar o proceso de modernización e renovación do sistema educativo en Galicia, que se sustenta, sobre todo, en medidas como a extensión do plurilingüismo a todas as etapas educativas, dentro da Estratexia EDUlingüe 2020; ou a Estratexia Galega para a Educación Dixital 2020 (Edudixital), que inclúe o fomento das vocacións STEM a través de iniciativas concretas como a introdución da Robótica este ano na etapa de Primaria, e a implantación progresiva de novas tecnoloxías no ensino, entre outros.

Tras recoñecer que a mellora educativa é unha tarefa constante e inacabada, o conselleiro de Educación salientou en Galicia vai nunha senda de crecemento continuo, tal como avalan os últimos datos de PISA, con índices en comprensión lectora por riba da media de España e da OCDE; ou cunha taxa de abandono educativo temperá das máis baixas do Estado.

Román Rodríguez tamén se referiu ao conxunto de iniciativas postas en materia de convivencia, xa que este -matizou- “é un factor esencial para a mellora da calidade educativa e para o éxito académico e formativo do alumnado”. Nesta liña, o conselleiro salientou a importancia da organización de xornadas coma a de hoxe, que responden á necesidade constante de formación por parte do profesorado, ao que cualificou como “a chave mestra” para acadar un sistema educativo de calidade.

Os relatorios de hoxe contaron coa presenza do Defensor do Profesor en Galicia e vicepresidente de Anpe na comunidade, Julio César Trashorras de la Fuente; o presidente nacional de ANPE, Nicolás Fernández Guisado; o presidente de ANPE Galicia, Julio Díaz; e os responsables de aprendeaeducar.org, un proxecto dirixido á educación en valores dos adolescentes e das famlias, Pedro García Aguado e Francisco Castaño Mena; entre outros.