Valentín García participa en Cataluña na celebración das Letras Galegas con tributos a Casares

O secretario xeral de Política Lingüística foi convidado por asociacións e centros galegos de Barcelona, Badalona e Cerdanyola del Vallés para impartir dúas conferencias sobre o autor homenaxeado e participar no 20º aniversario da ACG Agarimos de Badalona

Sáb, 20/05/2017 - 19:30

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, desprazouse esta fin de semana a Cataluña para participar nos actos de celebración das Letras Galegas naquela comunidade. Respondeu así aos convites da Irmandade Galega O Botafumeiro de Cerdanyola del Vallés, da Agrupación Cultural Galega Agarimos de Badalona e do Centro Galego de Barcelona.

Relatorios sobre Casares

Pola mañá, García Gómez estivo en Cerdanyola del Vallés, onde pronunciou unha conferencia sobre Carlos Casares, autor a quen este ano se lle dedicou o 17 de maio. Tamén falou sobre el polo serán, nun relatorio co que se celebraron as Letras Galegas na Sala Ferrío do Centro Galego de Barcelona.

En ambas as intervencións, o secretario xeral de Política Lingüística referiuse ás diferentes facetas da obra de Casares, que foi “un gran narrador”, pero tamén “moito máis ca un gran narrador”. En concreto, o secretario xeral de Política Lingüística fixo fincapé no seu labor como promotor da lingua galega, “actor indispensable na redacción da Lei de normalización lingüística” e defensor da necesidade de “estender o uso do galego a todos os ámbitos da vida e da sociedade”.

Semana Cultural Galega en Badalona

Por outra banda, esta tarde Valentín García asistiu en Badalona aos actos de peche da Semana Cultural Galega coa que este 2017 se celebra, ademais do Mes das Letras, o vixésimo aniversario da Agrupación Agarimos.

O secretario xeral asistiu á actuación da Banda de Gaitas Xuntanza de Cataluña, formada por máis de 50 compoñentes da Casa Galega de L'Hospitalet de Llobregat, da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà e da Agrupación Cultural Galega Agarimos de Badalona. Tras ela, proxectouse a película “Vida”, producida polo actor galego Rubén Riós.

Ano Casares

A Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa, tras o 17 de maio, coa súa actividade de promoción da lingua galega e coa difusión da obra do autor das Letras 2017, consciente da importancia deste como modelo para a sociedade, e moi especialmente para as novas xeracións, na defensa e uso do idioma propio de Galicia.

Menús News node R