Xubín, Asorey e Monteagudo, finalistas galegos da XXIII edición do Premio San Clemente Rosalía-Abanca

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe ao mediodía na rolda de prensa na que se deron a coñecer as nove novelas finalistas en lingua galega, castelá e estranxeira

Lun, 15/05/2017 - 18:37
Xubín, Asorey e Monteagudo, finalistas galegos da XXIII edición do Premio San Clemente Rosalía-Abanca

Isaac Xubín, Daniel Asorey e Xosé Monteagudo son os finalistas galegos da XXIII edición do Premio San Clemente Rosalía-Abanca, polas obras Non hai outro camiño (Editorial Xerais), Nordeste (Editorial Galaxia) e Todo canto fomos (Editorial Galaxia), respectivamente. Canda eles, completan a nómina de finalistas, en lingua castelá e estranxeira, os autores Juan Marsé (Esa puta tan distinguida, Editorial Lumen), Eduardo Sacheri (La noche de la Usina, Editorial Alfaguara), Fernando Aranburu (Patria, Editorial Tusquets), Mathias Enard (Brújula, Editorial Literatura Random House), John Banville (La guitarra azul, Editorial Alfaguara)e Ralf Rothmann (Morir en primavera, Editorial Libros del Asteroide).

Así se deu a coñecer este mediodía nunha rolda de prensa que se celebrou no Pazo de San Roque e na que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen quixo destacar “o valor do certame na proxección internacional da nosa lingua e cultura e no estímulo do hábito lector do alumnado, que ten oportunidade de coñecer de primeira man a autores e autoras que xogan na primeira división das nosas letras”.

Unha iniciativa da comunidade educativa

Os Premios Arcebispo Juan de San Clemente naceron dunha iniciativa do director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, e de dous profesores de matemáticas, Francisco López Piñeiro e Maribel Marín; con tres modalidades – Lingua Galega, Castelá e Estranxeira- e cun xurado conformado por alumnos do propio IES e de outros cinco institutos galegos escollidos cada edición por sorteo.

Ademais do que o certame supón no referido ao estímulo do hábito lector entre os estudantes, o éxito do premio ofrécelle ao alumnado que conforma o xurado a oportunidade de compartir unha xornada cos autores galardoados que, ano tras ano, acoden a Santiago de Compostela a recoller este recoñecemento. Nestas dúas décadas de historia o galardón colleitou unha excelente acollida entre os autores, algúns deles premios Nobel, como Mario Vargas Llosa ou José Saramago.

Máis información en http://www.premiosanclemente.es/ .

Menús News node R