Pablo Díaz pecha a súa xira no ‘FalaRedes 2017’ cunha grande festa da lingua no Auditorio de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística e o músico coruñés anunciárona hoxe á mañá nunha rolda de prensa na que García Gómez destacou “o éxito total desta actividade en 18 concellos da Rede de Dinamización Lingüística”

O ‘Tic Tac Toc’ despídese dos escenarios do programa cun concerto especial de entrada libre e de balde, con retirada previa de convite, o vindeiro sábado 20 ás 18:30 horas na capital galega

Lun, 15/05/2017 - 13:58
Pablo Díaz pecha a súa xira no ‘FalaRedes 2017’ cunha grande festa da lingua no Auditorio de Galicia

A actividade de dinamización lingüística ‘Tic Tac Toc’ do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística programa en colaboración cos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, completará este mesmo sábado, 20 de maio, o seu percorrido por un total de 19 localidades. Cun derradeiro concerto moi especial, unha grande festa da lingua galega, o músico coruñés Pablo Díaz pechará a súa xira na sexta edición do programa na capital de Galicia, pertencente á RDL.

Así o anunciaron hoxe pola mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o músico, acompañados polo alcalde compostelán, Martiño Noriega, e pola cantante Olga Kirk, nunha rolda de prensa na que García Gómez quixo destacar “a grandísima acollida e o éxito total desta actividade, que ten como obxectivos principais a promoción da lingua no ámbito familiar e a súa transmisión afectiva a través da música, no seu paso previo por 18 concellos da RDL”.

Retirada previa de convites na billeteira do Teatro Principal

A cita compostelá será o sábado, ás 18:30 horas, na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. Coma sempre no ‘FalaRedes’ a entrada é libre e de balde, aínda que nesta ocasión cómpre reserva previa por convite, que xa se pode retirar do despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado das 18:00 ás 21:00 horas) e, de haber aínda entradas dispoñibles, o propio día do concerto, na billeteira do Auditorio de Galicia a partir das 17:30 horas.

Pablo Díaz, unha das figuras actuais máis recoñecidas do panorama musical infantil galego, acompañarase para a ocasión de toda a súa banda, integrada por Olga Kirk (coros e bailes), Diego Barral (guitarras), Álex Fente (acordeón), Antón Díaz (baixo eléctrico) e Carlos Freire (batería).

FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Menús News node R