Román Rodríguez sitúa a Vigo como referente na FP Dual e apela a reforzar este modelo de formación

O conselleiro de Cultura e Educación subliña, con motivo dunha conferencia no Círculo de Empresarios de Galicia, o papel fundamental da Formación Profesional como catalizadora das demandas do tecido socioprodutivo local

Anima ao empresariado galego a seguir apoiando e colaborando na mellora da FP, así como do Sistema Universitario de Galicia, co fin de dar resposta ás necesidades e retos futuros da sociedade

Ven, 24/03/2017 - 17:40
Román Rodríguez sitúa a Vigo como referente na FP Dual e apela a reforzar este modelo de formación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, lembrou as fondas raíces da Formación Profesional en Vigo, unha cidade eminentemente industrial onde este tipo de formación xoga un papel fundamental como catalizadora das demandas do tecido socioprodutivo local. E dentro desta ensinanza, o titular do departamento educativo fixo especial fincapé na FP Dual, “unha das liñas a reforzar na nova estratexia”, sinalou. “Actualmente contamos cun modelo de FP Dual en vías de consolidación, no que este curso rozamos os 500 alumnos e as 78 empresas colaboradoras. Vigo é unha referencia do modelo Dual en Galicia, con 10 proxectos en marcha e compañías cooperadoras de alto nivel como Bosch, Benteler, Media Markt ou Arlea Hoteles, entre outras”, subliñou con motivo dunha conferencia no Círculo de Empresarios de Galicia.

Neste sentido, o conselleiro animou a seguir potenciando e afianzando este modelo, no que o alumnado compatibiliza a formación na aula co centro de traballo. “Cremos na FP Dual real, non subvencionada, baseada no interese dos centros por favorecer a competencia práctica do alumnado, e no compromiso das empresas locais. A FP Dual é unha gran oportunidade para o sector empresarial, porque ofrece a posibilidade de formar, de xeito especializado e desde o inicio, ao futuro traballador”, explicou Román Rodríguez, quen tamén avanzou que as empresas cooperadoras recibirán un recoñecemento por parte da Consellería, en agradecemento ao seu respaldo e apoio.

Así mesmo, lembrou que, nos últimos anos, Galicia dotouse dun sistema de Formación Profesional sólido, forte e cunha oferta diversificada e vinculada ao territorio. Hoxe hai un total de 50.344 alumnas e alumnos matriculados en ensinanzas de FP, case un 50% máis que en 2008 e xa máis que en bacharelato. Ademais, escoller un ciclo de FP significa maiores posibilidades de empregabilidade. De feito, o último estudo elaborado sobre inserción laboral mostra que o 76,5% dos alumnos titulados no curso 2013/14 están traballando, o que supón unha mellora de case 25 puntos con respecto ao estudo anterior.

Revalorización da FP

Durante a conferencia -na que estiveron presentes representantes do mundo empresarial e do sector educativo, así como o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e varios cargos da Consellería- o conselleiro insistiu: “Entre todos estamos revalorizando a FP, dándolle o sitio que se merece no sistema educativo e na sociedade como modalidade de formación de futuro, innovadora e amoldable aos cambios”.

O titular do departamento educativo tamén lembrou a historia do CIFP Valentín Paz Andrade, que nos anos 60 se converteu nun dos primeiros grandes centros específicos vinculados á FP en Galicia –e mesmo un dos primeiros de España–, así como a de outros centros referentes na cidade, e incluso da comarca, que axudan a que esta modalidade de formación sexa unha peza clave en todo o entorno económico, social e laboral da cidade olívica.

Por outro lado, recordou os éxitos recentes acadados na FP, nomeadamente nas olimpíadas nacionais SpainSkills, nas que a delegación galega se alzou con sete medallas. En concreto, a medalla de ouro en Torneado e fresado foi para Raúl Fernández Lorenzo, do IES Politécnico de Vigo.

Adaptabilidade aos cambios sociais e tecnolóxicos

Ademais de solicitar o apoio do empresariado galego para elaborar a nova estratexia de FP para a vindeira década -que deberá dar resposta ás demandas actuais e futuras do tecido socioprodutivo galego e da sociedade-, o conselleiro destacou a responsabilidade da universidade á hora de asumir os vindeiros retos. Neste ámbito enmárcase o proceso de diálogo e negociación iniciado coas tres universidades galegas para mellorar o mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia. Un proceso, tal e como manifestou Román Rodríguez, “co que queremos adiantarnos aos desafíos que se nos presentarán no futuro, aos continuos cambios sociais e tecnolóxicos”.

Neste contexto, Universidade e empresa deben favorecer unha colaboración recíproca, co fin de que se poida artellar unha oferta académica completa, singular e especializada, que dea resposta ás demandas e necesidades da sociedade galega e que, en consecuencia, facilite a empregabilidade dos egresados.