A Rede de Dinamización Lingüística celebra a súa reunión ordinaria anual en Outeiro de Rei

Valentín García presidiu hoxe á tarde a xuntanza na que o Consello de Membros aprobou as novas liñas de traballo para o ano 2017, que incidirán na dinamización lingüística do galego na mocidade, con especial atención aos neofalantes, nas TIC e na promoción do uso do idioma no marco da lusofonía

A Rede pecha o ano Manuel María no concello lugués cunha visita á Casa-Museo que custodia o legado do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2016

Mér, 28/12/2016 - 19:48
A Rede de Dinamización Lingüística celebra a súa reunión ordinaria anual en Outeiro de Rei

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia celebrou hoxe no concello lugués e Outeiro de Rei a reunión ordinaria anual na que participaron representantes políticos das entidades adscritas a ela, as cales suman formalmente desde hoxe preto de 180. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, presidiu a xuntanza que acolleu o salón de plenos do concello e na que se aprobaron as novas liñas de traballo para o ano 2017. Baixo proposta da Área Técnica da devandita RDL, incidirán na dinamización do uso do galego na mocidade, con especial atención aos/ás neofalantes, nas tecnoloxías da información e do coñecemento (TIC) e mais na promoción do uso da lingua propia de Galicia no marco da lusofonía.

A RDL pechou así o ano Manuel María no concello natalicio do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2016 e visitou posteriormente a Casa-Museo que leva o seu nome e que custodia o legado e a obra do poeta chairego.

Oito novas entidades e preto de 250 accións desenvoltas en 2016

A orde do día desta sesión ordinaria anual incluíu a ratificación da solicitude de adhesión de oito novas entidades. A dos concellos de Gondomar, Mazaricos, Trazo, Tordoia, Coristanco, Monforte de Lemos, Pantón e Cabanas, que xa contaban previamente coa adhesión provisional da xunta directiva da RDL. Deste xeito, confórmana actualmente un total de 178 membros constituídos por máis da metade dos concellos galegos e por outras entidades entre as que destacan o Consello da Cultura Galega ou a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

A RDL aprobou tamén a Memoria de actividades do ano 2016, na que se deu conta de preto de 250 accións deseñadas e desenvoltas ao longo deste ano nos concellos, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco dos coñecidos programas ‘FalaRedes’, ‘Galicia Culturea. Cultura e lingua no verán’, ‘Nadal en Rede’ ou ‘A Rede celebra...’.

Mocidade, neofalantes, TIC e lusofonía, novos eixos de actuación para 2017

Para alén do anterior, o Consello de Membros aprobou a nova programación de actividades para o ano 2017 deseñada pola súa Área técnica, que propón abordar durante os vindeiros desde as súas entidades adscritas os ámbitos da mocidade (mediante actividades e accións que incidan na dinamización do galego na na xente nova, no marco do novo plan de dinamización da lingua galega anunciado pola Xunta de Galicia), dos/das neofalantes, das TIC e da lusofonía (co obxectivo de contribuír desde a propia RDL a darlle cumprimento á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia e coñecida popularmente como Lei Paz-Andrade).

As liñas de traballo fixadas e impulsadas desde a propia RDL complementaranse ao longo de 2017, como vén sendo habitual, con outras accións e cos programas de actividades de dinamización lingüística promovidas directamente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística nas súas entidades (centrados na dinamización do galego no lecer e nas festas, na infancia, no tecido socioeconómico ou na transmisión interxeracional do idioma).

O derradeiro punto que se tratou foi o novo Portal Xurídico Galego, un recurso telemático que vén de materializarse -mercé ao esforzo coral e traballo conxunto da Xunta, do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela e que recolle a totalidade da lexislación galega consolidada e comentada, desde a preautonomía á actualidade- ao que se lle quere dar especial difusión desde a RDL.

Rede de Dinamización Lingüística

A RDL é proxecto impulsado polo Goberno galego no ano 2010, por medio da Consellería de Cultura, no que a día de hoxe participan case 180 entidades de Galicia, co obxectivo prioritario de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica, dando así un paso máis na promoción planificada do noso idioma. Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais son os seus principais propósitos.

O diálogo entre administracións, fundacións, asociacións, colexios profesionais ou consorcios, entre outras entidades, supuxo desde entón unha nova dinámica de traballo na que prima a optimización dos recursos, se evitan as duplicidades e se busca favorecer unha política lingüística máis eficiente e eficaz. A partir dunha planificación lingüística conxunta, a RDL leva desde a súa constitución formal, en outubro de 2011, definindo estratexias básicas comúns en todo o territorio e compartindo experiencias, materiais e información entre os seus diferentes membros.

Máis información no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Menús News node R