O Programa Bocaberta visita 15 concellos con múltiples propostas para que os máis novos gocen coa lingua galega

A iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística propón para esta semana música, moita maxia e diversos obradoiros para dinamizar o uso do idioma

Lun, 14/02/2011 - 16:54
x
Cartel do programa

Música, moita maxia e múltiples obradoiros. Esta é a proposta do programa de dinamización lingüística Bocaberta para facer gozar os rapaces e rapazas dos 3 aos 18 anos nos próximos días. 

Esta semana, a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva o programa Bocaberta diversas actividades a 15 concellos. A palabra, a radio, a literatura e o deseño son algunhas das temáticas dos obradoiros de Palabras no ar, que estará desde hoxe ata o venres na Biblioteca Municipal de Ponteareas. A actividade continuará coa emisión na Rede de Emisoras Municipais de Galicia das gravacións realizadas polos rapaces e rapazas.

Mentres, a maxia das palabras é o punto de partida de Abrapalabra, unha proposta protagonizada polo mago Carlos Coira, que fará para os rapaces e rapazas, en directo, un espectáculo para amosarlles toda a maxia que hai na lingua. Os máis pequenos aprenderán a facer trucos de xeito fácil e divertido, e, ademais, a amar un idioma tan fascinante como o que o prestidixitador realiza coas súas mans. Esta actividade, que pasou hoxe pola Arnoia e Castrelo de Miño, estará mañá en Carballeda de Avia e Cenlle e o mércores visitará Toén e San Amaro. Tamén afonda na maxia Atrapado na torre, un espectáculo que leva a cabo o mago Chrystian Magic e que pasará o sábado por Vilamarín e mais pola Cañiza.

Música infantil

A música protagonizará a fin de semana no programa Bocaberta. Para os adolescentes, os grupos de pop Projecto Mourente e The Homens serán os encargados de levar a cabo, respectivamente, o obradoiro de música electrónica caseira e o concerto acústico de Detrás da canción. Esta actividade visitará Viveiro o próximo venres.

Para os máis pequerrechos da casa, o grupo Mamá Cabra propón divertidas cancións dentro do seu musical Ola, ola, la!, que estará o sábado no Teatro Principal de Pontevedra, ás 19:00 horas. As entradas para esta actividade poden recollerse unha hora antes na billeteira do Teatro Principal. Ese mesmo día, e tamén dentro da actividade Ola, ola, la! impartiranse obradoiros musicais nesta mesma cidade e mais en Ferrol.

Tamén aos máis pequenos vai dirixido En clave de conto. O venres, Teo acollerá un obradoiro relacionado con esta actividade e o sábado o seu espectáculo-concerto poderá verse en Gondomar.

Banda deseñada

Finalmente, os trucos do oficio de debuxante serán os protagonistas do obradoiro de banda deseñada Galimatías, que impartirá Fran Bueno o venres en Mugardos. A revista que dá pé a este taller sairá de novo á rúa ese mesmo día, gratuitamente, co xornal El Correo Gallego.

Bocaberta, tamén nas redes sociais

A Arnoia, Castrelo de Miño, Ponteareas, Carballeda de Avia, Cenlle, Toén, San Amaro, Mugardos, Teo, Viveiro, Vilamarín, A Cañiza, Ferrol, Pontevedra e Gondomar recibirán esta semana actividades de Bocaberta, un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística anima os rapaces e rapazas dos 3 aos 18 anos a empregar o galego con naturalidade. Para máis información de horarios e localizacións, Bocaberta conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalegabocaberta. Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, puxéronse en funcionamento canles de Bocaberta nas principais redes sociais de internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Menús News node R

Tema