A Consellería de Educación investirá nos vindeiros meses 185.000 euros en obras de mellora de centros educativos de Xinzo de Limia

O conselleiro visitou hoxe os colexios Rosalía de Castro e Carlos Casares, e os institutos Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela

Lun, 14/02/2011 - 14:32
Xesús Vázquez na súa visita ao IES Lago de Antela
Xesús Vázquez na súa visita ao IES Lagoa de Antela

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe unha inversión de 185.000 euros nos vindeiros meses en centros educativos do concello de Xinzo de Limia. Grazas a esta inversión, as 417 alumnas e alumnos do CEIP Rosalía de Castro verán renovado o patio infantil, uns traballos aos que se destinarán 15.000 euros. Ademais, a comunidade educativa do IES Lagoa de Antela recibirá resposta a unha das demandas que vén realizando desde hai anos, a cubrición da pista polideportiva, que suporá un investimento de 170.000 euros.

Estes investimentos veñen a unirse aos realizados desde o inicio da lexislatura pola consellería nos centros de ensino de Xinzo de Limia, superando así os 379.000 euros. O responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, que visitou hoxe os centros educativos do concello ourensán, explicou que se trata de investimentos que veñen a satisfacer as demandas expresadas por ambas as dúas comunidades escolares. “Desta forma damos resposta ás necesidades que nos están a dar a coñecer nestas visitas que realizamos a colexios e institutos de toda Galicia, e que nos permiten achegarnos ás súas circunstancias particulares”, explicou Vázquez Abad.

Ademais o conselleiro destacou a participación destes centros en proxectos de referencia da Consellería, como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares; ou innovadores, como é o caso do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. De feito, os dous institutos contan con cadanseu auxiliar de conversa nativo para reforzar as competencias do alumnado en lingua inglesa.

O conselleiro de Educación realizou estas visitas, acompañado pola xefa territorial de Educación na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira; polo alcalde do municipio, Antonio Pérez Rodríguez; e as respectivas comunidades educativas dos centros.

Centros de infantil e primaria

A primeira hora da mañá o conselleiro estivo no CEIP Rosalía de Castro onde, ademais da reforma prevista para as instalacións deportivas, a Consellería investiu nos dous últimos anos máis de 50.318 euros en melloras nos aseos e reformas na cociña. Ademais, este colexio forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), para o que recibiu un total de 5.900 euros entre os cursos 2009/2010 e 2010/2011.

Posteriormente o conselleiro desprazouse ata o CEIP Carlos Casares, no que estudan 378 alumnas e alumnos. Neste centro Vázquez Abad comprobou o resultado das obras de remodelación de aseos, reparación de cuberta, colocación de falsos teitos, e melloras no pavillón, entre outros traballos realizados nos dous últimos anos pola Consellería, e que supuxeron un investimento de máis de 88.260 euros. Ademais, Vázquez Abad conversou coa comunidade escolar sobre as iniciativas de fomento da lectura que este ano se están a desenvolver no centro por primeira vez ao abeiro do Plambe, para o que recibiron 6.925 euros, ademais da axuda de 1.200 recibida o curso anterior para programas con este obxectivo.

Melloras en centros de secundaria

Tras o seu percorrido polos colexios, o titular de Educación reuniuse coa comunidade educativa do IES Lagoa de Antela, á que lle comunicou o investimento de 170.000 euros previsto para realizar a demandada cubrición da pista polideportiva neste ano 2011. O conselleiro destacou ademais as inversións de máis de 11.600 euros realizadas para diversas melloras na cuberta, cerramento, carpintería e saneamento, co fin de mellorar as instalacións utilizadas por 418 estudantes.

Outra das tarefas que está a levar a cabo a Consellería neste instituto lagoa de Antela é tamén a de animar aos estudantes a ler no seu tempo de ocio. Para iso destináronse 5.400 euros neste curso e no 2009/2010, co fin de realizar actividades nos clubs de lectura, e para a mellora da biblioteca do centro.

A última hora da mañá Vázquez Abad visitou o IES Cidade de Antioquía, no que se interesou polo funcionamento das 4 seccións bilingües que están a funcionar para as alumnas e alumnos de 1º, 2º e 3º de ESO, nas materias de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, e Educación física. Así mesmo Vázquez Abad coñeceu as diferentes actividades de animación á lectura que se desenvolven no instituto no marco do Plambe e do programa de clubs de lectura, para os que a Consellería destinou neste curso e no pasado un total de 5.000 euros.

O conselleiro aproveitou ademais a súa presenza no Cidade de Antioquía para interesarse polo resultado das obras para reparación de cuberta, limpeza de canlóns e para a construción dun acceso para minusválidos, nas que se investiron máis de 19.816 euros, e das que se benefician os 417 alumnos do centro.