Título node Learning object

CinED
Xov, 11/08/2016 - 14:05

Ficha técnica

Institución:

  • Consellería de Cultura e Turismo
    • Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
      • Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)

Ámbito: audiovisual / patrimonio
Definición: fomento do coñecemento do patrimonio audiovisual europeo
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: ESO, bacharelato e ciclos formativos
Límite de centros participantes: 10
Límite de docentes participantes por centro: 3 (deberase xustificar a necesidade de incluír máis de 3 docentes participantes)
Límite de alumnado participante por centro en cada obradoiro: 70 (para as proxeccións en sala) e sen límite para desenvolver o programa con máis alumnado no centro educativo

Criterios de participación: a participación no programa require o cumprimento das seguintes condicións por parte do centro.

  • O mesmo grupo de alumnado acudirá a 3 sesións de cinema nas salas de cinema na Coruña.
  • O centro realizará cando menos dúas das propostas pedagóxicas que se proporán para cada película. Serán propostas que se exporán na formación aos docentes e que se recollen nos cadernos que acompañan cada título. Estes traballos,  e se é pertinente o seu proceso de creación, publicaranse no blog de CinEd: http:// www.cined.es/gl/blog
  • O profesorado participante deberá asistir obrigatoriamente ás xornadas de formación do programa (12 h en total o 26 de outubro, 28 de xaneiro e 8 de abril  no CGAI en horario de tarde)
    • O docente coordinador responsabilizarase tanto da xestión e reparto de tarefas no traballo co alumnado como a xestión dos materiais.
    • Os docentes participantes vehicularán os contidos transversais a través do proxecto.
  • Requisitos  técnicos: o centro debe dispoñer de conexión a Internet para acceder á plataforma web e blog de CinEd.

Criterios de selección:

  • Valoraranse os seguintes aspectos, dos que cómpre dar conta no proxecto que se presente:
    • as características e a traxectoria do centro.
    • as motivacións do centro para participar neste proxecto.
    • as propostas de organización (curso, número de alumnos/as, horarios, materias ou áreas nas que se enmarcaría o proxecto etc.)
    • as motivacións persoais dos docentes directamente implicados.
    • a implicación de materias afíns (Linguas, Historia, Arte, Ética, Filosofía, Música, Plástica…)
    • a capacidade de articular contidos transversais a partir do cinema.
    • a capacidade de implicar institucións e entidades locais.
  • En segundo termo, valorarase a situación do centro educativo en contextos socioeconómicos ou xeográficos desfavorecidos.

Persoa responsable:

Nomes: Mónica García Iglesias
Departamento: CGAI
Teléfono: 881 881 269
Correo electrónico: monica.garcia.iglesias@xunta.gal

Obxectivo xeral

"CinED" é un proxecto educativo de ámbito europeo no que participan distintos países para darlle difusión ao noso patrimonio cinematográfico. Nace en 2015 co obxectivo de achegar a mocidade ao cinema europeo e descubrir a súa diversidade cinematográfica, cultural e lingüística. 

CineED ofrece o visionado dunha colección de películas contemporáneas e de patrimonio dos países socios do proxecto, que se poñerán ao dispor de equipamentos culturais, centros educativos e organizacións dedicadas á educación en cinema para que organicen proxeccións das películas en sala sempre que sexan sesións con fins educativas e sen finalidade comercial. Todos os filmes se proxectan en versión orixinal con subtítulos (nas linguas dos países participantes). 

O catálogo integra 11 películas búlgaras, españolas, francesas, italianas e romanesas; entre os títulos do catálogo inclúense películas como ‘El espíritu de la colmena’ (1973), de Víctor Erice; ‘En construcción’ (2001), de José Luis Guerin; ‘Pierrot le fou’(1965), de Jean-Luc Godard; ‘Il posto’ (1961), de Ermanno Olmi; e ‘O Sangue’ (1989), de Pedro Costa. Os autores do catálogo son cineastas europeos de primeira orde, desde referentes do cinema de patrimonio ata as novas xeracións, que ofrecen un abano moi amplo de olladas cinematográficas. 

Todas as películas van acompañadas de materiais pedagóxicos multilingües, con propostas e orientacións para o traballo de aula, co fin de favorecer unha aproximación activa e creativa aos filmes. As propostas permitirán abordar as obras en diferentes niveis (desde o filme no seu conxunto á análise concreta de secuencias, planos e fotogramas) e desde perspectivas diversas (temáticas, técnicas, históricas, sociais e culturais). Poderase establecer un diálogo entre as películas da colección CinEd e imaxes procedentes doutros campos artísticos e culturais (fotografía, pintura, cómic, publicidade etc.), así como relacións coa literatura, o urbanismo, a historia...

O programa está liderado polo Institut français (París) e reúne a dez socios nun total de oito países (Bulgaria, España,Finlandia, Francia, Italia, Portugal, República Checa e Romanía). Está cofinanciado polo programa Media de Europa Creativa da Unión Europea. En España está impulsado e coordinado por A Bao A Qu e conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o ICAA e o Instituto Cervantes. En Galicia colabora unha rede de salas e entidades culturais: CGAI- Filmoteca de Galicia, Festival Novos Cinemas en Pontevedra, Festival de Ourense, Cinema NUMAX en Santiago de Compostela e Deputación Provincial de Lugo.

Palabras clave

Alfabetización audiovisual. Artes visuais. Cine europeo. Linguaxe audiovisual. Patrimonio

Temporización e metodoloxía

A temporización abarca todo o curso escolar. Cómpre ter en conta as seguintes datas de interese:

  • 1º trimestre:
    • primeira sesión de formación  para docentes na Coruña (26 de outubro de 16:00h -20:00h)
    • realización da 1ª proxección para o alumnado (no CGAI ou nunha sala local no caso de estar fóra da Coruña)
    • desenvolvemento do traballo na aula.
    • Presentación das proxeccións e publicacións dos traballos do alumnado no blog de CinEd.
  • 2º trimestre:
    • segunda sesión de formación  para docentes na Coruña (28 de xaneiro de 16:00h-20:00h)
    • desenvolvemento do traballo de aula.
    • realización da 2ª proxección para o alumnado.
    • presentación das proxeccións e publicacións dos traballos do alumnado no blog de CinEd.
  • 3º trimestre:
    • terceira sesión de formación para docentes na Coruña (8 de abril de 16:00h-20:00h)
    • desenvolvemento do traballo de aula
    • realización da 3ª proxección para o alumnado
    • presentación das proxeccións e publicacións dos traballos do alumnado no blog de CinEd.

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Formación: o programa ofrece un curso formativo para o profesorado participante. Neste curso desenvolveranse contidos prácticos, metodolóxicos e instrumentais, e intercambiaranse experiencias entre os docentes participantes. Terá carácter obrigatorio para o profesorado participante no Plan Proxecta, constará de 12 h no CGAI. Está incluído no Plan anual de formación para o profesorado. A formación impartirase na Coruña o 26 de outubro, 28 de xaneiro e 8 de abril en horario de 16:00 a 20:00h. A asistencia dos docentes ás  sesións de formación é imprescindible para o desenvolvemento do proxecto. O curso está incluído dentro do Plan de Formación ( véx. en FPROFE co código C1802018)
  • Material didáctico:
    - acceso aos filmes de xeito gratuíto.
    - material didáctico específico elaborado para acompañar as películas.
    - plataforma con un catálogo de películas para poder organizar proxeccións en entidades culturais de cada lugar.
  • Web de referencia: trabállase a través dunha plataforma desde a que se accede ás películas.
  • www.cined.es
  • Proxección de 3 filmes:  na Coruña.
  • Colaboración con outras entidades: os centros poderán  organizar proxeccións das películas do catálogo de CinEd en espazos públicos coa colaboración de entidades culturais do seu concello sen ánimo de lucro.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e crea entre todos unha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

Criterios específicos

4. Capacidade de compartir no blog de CinEd os procesos de traballo.

5. Capacidade de descubrir e de poñer en diálogo as películas proxectadas e outras manifestacións culturais e artísticas. Integrar o traballo coas películas de modo transversal.

6. Calidade dos traballos realizados a partir das propostas plantexadas nos cadernos e na formación a o profesorado.

 

Menús Learning object node R