O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega do premio literario 'Contos de verán' no Día de Rosalía

Xerardo Vidal e Ángela González resultaron gañador e finalista, respectivamente, da terceira edición deste certame literario de verán

A entrega de premios cadrou co día no que se cumpren 179 anos do nacemento da autora de 'Follas Novas'

Mér, 24/02/2016 - 20:00
O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega do premio literario 'Contos de verán' no Día de Rosalía
O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega do premio literario 'Contos de verán' no Día de Rosalía

O secretario xeral de Política Lingüística participou este mércores na cerimonia de entrega dos premios 'Contos de Verán' que organiza o xornal El Progreso.

Co gallo do día do 179 aniversario do nacemento da poetisa Rosalía de Castro, o diario lucense aproveitou para entregar os galardóns da terceira edición deste certame e, tamén, celebrar unha data especial para unha das figuras fundamentais na historia da literatura galega.

Nesta ocasión, resultou vencedor Xerardo Vidal co seu relato 'A chamada'; mentres que Ángela González foi elixida finalista polo xurado grazas ao conto titulado 'Chove cans e gatos'.

Os dous autores recibiron de mans da presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, os seus galardóns: 1000 euros para o gañador e 500 euros para a finalista, ademais dunha estatuíña conmemorativa nos dous casos.

O xurado que elixiu as obras gañadoras estivo composto polo subdirector do xornal, Tito Diéguez; o poeta e presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar; o redactor e escritor Santiago Jaureguizar; e a xornalista Marta Veiga.

Este xurado tivo que avaliar medio cento de relatos chegados á redacción do rotativo lucense e que foron publicados nas súas páxinas durante os meses de xullo e agosto de 2015.

O certame 'Contos de Verán' chegou o ano pasado á súa terceira edición, xa como un evento consolidado do estío da provincia de Lugo, e que permite aos lectores da edición en papel de El Progreso ler relatos de amor, misterio, crónica negra, costumistas e de literatura fantástica, que achegan escritores afeccionados de todas as idades.

Menús News node R