Cultura e Educación dotará ao CEIP Humberto Juanes de Nigrán dunha nova caldeira que permitirá un maior aforro enerxético
O xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde de Nigrán, que se comprometeu a colaborar na mellora de varios centros da localidade
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotará ao CEIP Humberto Juanes, de Nigrán, dunha nova caldeira de calefacción, valorada nuns 57.000 euros. Así llo comunicou o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, ao alcalde de Nigrán, Juan A. González.
Deste xeito, o concello deberá facilitar os medios necesarios para que o subministro de gas se faga nas adecuadas condicións. A instalación da caldeira, proposta pola Xefatura Territorial, responde a un mal funcionamento da antiga instalación, que provocaba un exceso de consumo de combustible. De feito, coa nova obra conseguirase un importante aforro enerxético –pásase de gasóleo a gas natural–, o que redundará nunha mellora integral para cada edificio do centro.
Ademais, o alcalde tamén se comprometeu a colaborar na mellora de varios centros da localidade, tales como a escola infantil de Panxón, para reformar as súas instalacións, ou no CEIP da Cruz-Camos, no referente a obras de conservación e mantemento.
Neste sentido, Pérez Ares celebrou a colaboración institucional coa nova corporación de Nigrán, en liña coa senda de cooperación mantida xa coa anterior. Esta última, a través do plan de obras da Deputación, logrou poñer en marcha a rehabilitación dunha antiga escola unitaria para convertela nun espazo cultural, unha actuación que contou cunha inversión de 45.000 euros
Máis de 600.000 en reformas
A maiores, o xefe territorial recordou que, nos últimos anos, o departamento educativo da Xunta leva investido máis de 600.000 en melloras nos centros educativos deste concello. De feito, un dos últimos traballos consistiu en reformar a cuberta do ximnasio do IES Val Miñor, cunha inversión de 26.000 euros.