Política Lingüística fomenta a competencia do funcionariado en lingua galega a través de máis de trinta cursos

O prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata día 21 deste mes

Ven, 15/01/2010 - 14:29

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) veñen de convocar 33 cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior co fin de fomentar a competencia do funcionariado en lingua galega. Os cursos, de carácter gratuíto e de entre 20 e 30 prazas cada un, van dirixidos aos empregados públicos e ás empregadas públicas destinados na Administración autonómica galega.

Un total de 33 cursos desde este mes ata setembro

Os 33 cursos de linguaxe administrativa realizaranse en diversas localidades galegas ata o vindeiro mes de setembro, en horario de 08:00 a 10:00 horas e de 13:00 a 15:00 horas. Na cidade da Coruña terán lugar nos meses de febreiro, abril e setembro. Na capital galega comezarán xa este mes e tamén se realizarán en febreiro, abril e setembro. Os cursos en Vigo levaranse a cabo en abril, mentres que os de Lugo se prolongarán durante os meses de febreiro, abril e setembro. A cidade do Lérez acollerá o desenvolvemento destes cursos en febreiro e abril, ao igual que Ourense e Ferrol. Finalmente, no mes de marzo os cursos de linguaxe administrativa terán lugar na localidade de Viveiro.

Requisitos e solicitudes

Para os cursos de nivel medio ofreceranse un total de 12 edicións, mentres que para os de nivel superior se impartirán un total de 21. As persoas interesadas en solicitar os cursos do primeiro nivel referido deberán ter superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega, de perfeccionamento de lingua galega ou contar co Certificado de lingua galega 4 (Celga 4). No caso dos cursos de nivel superior, o persoal que desexe asistir deberá ter superado ou validado o curso medio de linguaxe administrativa galega. Para participar nos cursos, os interesados deberán cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web http://egap.xunta.es. O prazo para presentar as solicitudes remata o dia 21 deste mes.

O fomento do galego na Administración pública

A Administración galega constitúe unha vía importante de dinamización da lingua galega pola repercusión social da súa actividade e a proximidade coa cidadanía. Por iso, a través destes cursos, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo fomenta a capacitación na lingua propia de Galicia dos seus traballadores.

Menús News node R

Colectivo