Cultura e Educación modifica os concertos educativos no marco do novo contexto normativo que supón a implantación da Lei Orgánica para a mellora da calidade educativa
Como en anos anteriores a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se modifican os concertos educativos dentro do seu período de vixencia no marco do novo escenario normativo derivado da Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
A modificación prodúcese de conformidade co recollido na Orde do 14 de febreiro de 2013 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime xurídico de concertos educativos para os curso 2013/2014 a 2016/2017, que prevé que estes poderán modificarse dentro do seu período de vixencia seguindo o procedemento establecido e tanto a instancia de parte como de oficio, realizándose, en consecuencia, os axustes pertinentes á vista das solicitudes formuladas polas titularidades dos centros e a súa matrícula.
Por outra banda, tendo en conta a entrada en vigor e o calendario de implantación da Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, múdanse os concertos dos programas de cualificación profesional inicial en concertos de Formación Profesional Básica e recolléndose tamén as modificacións derivadas das solicitudes formuladas polos centros que optan pola educación diferenciada en aplicación do establecido na súa disposición transitoria segunda que lles facultaba a instar a aplicación da nova redacción do artigo 84.3 da LOMCE para o resto do actual período de concertos, artigo no que expresamentese sinala que non constitúe discriminación a admisión de alumnos e alumnas ou a organización da ensinanza diferenciadas por sexos, e que en ningún caso a elección da educación diferenciada pode implicar un trato menos favorable en calquera aspecto para as familias, alumnado e centros, nin unha desvantaxe á hora de subscribir concertos, sempre que esta se desenvolva conforme ao disposto no artigo 2 da Convención relativa á loita contra as discriminacións na esfera da ensinanza, aprobada pola Conferencia Xeral da UNESCO o 14 de decembro de 1960.
Deste xeito, o vindeiro curso 14/15 haberá no sistema educativo galego un total de 3.837 unidades concertadas coas que se dará resposta ás necesidades educativas especialmente de localidades con gran densidade de poboación escolar.