A Consellería de Cultura e Educación segue a fomentar a creación literaria co seu apoio ao Premio de Poesía Xosé López Ardeiro

O secretario xeral de Cultura participou esta tarde na entrega da segunda edición do premio a Yolanda López pola súa obra ‘Tántalo’, nun acto no que tamén se presentou a nova convocatoria deste certame promovido polo Concello de Negreira

Xov, 19/06/2014 - 19:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de apoiar a creatividade poética a través da súa colaboración, un ano máis, co Premio de Poesía de Negreira Xosé M. López Gómez ‘Ardeiro’. A gañadora da segunda edición do certame, Yolanda López, pola obra ‘Tántalo’, recibiu esta tarde o galardón, nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e que tivo lugar no devandito concello coruñés.

No marco deste acto tamén se presentou a terceira convocatoria do premio, do que o secretario xeral destacou o seu interese para “impulsar a creatividade dos nosos autores e autoras”, así como a incorporación de novos valores á literatura galega. Nese sentido, Anxo Lorenzo referiuse ao acompañamento que vén ofrecendo a Consellería de Cultura e Educación aos principais certames literarios promovidos desde o ámbito local, co obxectivo de lle “dar visibilidade e recoñecemento á realidade creativa coa que conta Galicia e que colectivamente temos que impulsar”.

Apoio a certames literarios

Ademais da colaboración co Premio Xosé M. López Ardeiro, a Consellería de Cultura e Educación vén apoiando outros certames para alentar a creación literaria, entre os que se inclúen o Premio de Poesía Novacaixagalicia, o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de Poesía, o Premio Manuel García Barros de Novela, o Premio Gonzalo López Abente, o Certame de Poesía Concello de Carral ou o Premio Arume de Poesía.