A Conselleria de Cultura e Educación convoca para este xoves a mesa sectorial para debatir sobre os decretos de primaria e FP básica

O novo decreto permitirá aos centros dispor de horas de libre configuración, coa finalidade de aumentar a súa autonomía dos centros e permitir que estes adecúen o reforzo a aquelas áreas de coñecemento nas que noten máis debilidades

Mar, 03/06/2014 - 16:05

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar para este xoves a mesa sectorial na que debatirá cos sindicatos o contido dos decretos de Primaria e de FP básica, así como o calendario escolar, entre outros asuntos que figuran na orde do día.

Como é sabido, o decreto de Educación Primaria introduce cambios no diseño curricular que afectan ao horario lectivo. Así, na distribución total do horario lectivo as matemáticas gañan 2 horas, unha en 5º e outra en 6º. Así mesmo, en 4º e 6º curso os centros diporán dunha hora de libre configuración que, facendo uso da súa autonomía e respectando o establecido polo Decreto do Plurilingüismo, poderán dedicar a reforzar aquelas materias que, dentro do seu proxecto educativo, consideren oportuno. Esta medida ten como finalidade aumentar a autonomía dos centros e permitir que estes adecúen o reforzo a aquelas áreas de coñecemento nas que noten máis debilidades como consecuencia das probas de diagnóstico previstas pola Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

Ademais, tal e como xa explicou o conselleiro no Parlamento, o decreto mantén 2 horas semanais en todos os cursos para a educación artística – música e plástica- así como para a educación física.

Cómpre lembrar que, entre outras novidades, este decreto establece por primeira vez que os centros organizarán a súa práctica docente de xeito que se garanta a incorporación dun tempo diario de lectura, non inferior a trinta minutos; e regula as tarefas extraescolares con respecto a autonomía pedagóxica e organizativa e segundo as peculiaridades, necesidades e ritmos do alumnado e atendendo a progresividade ao longo da etapa.

FP Básica

No que se refire á FP Básica, cómpre sinalar que a Consellería conta xa cos 21 currículos publicados que conformarán a oferta neste primeiro curso de implantación.

Esta nova modalidade da FP, que substitúe aos Programas de Cualificación Profesional Inicial terá unha duración de 2 cursos académicos, con 2.000 horas de formación, o que supón unha oferta máis completa respecto da existente ata este curso; e permitirá aos seus estudantes acadar un título oficial que lles facilitará súa inserción profesional, o que implica unha importante mellora cualitativa respecto dos PCPI.