A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración das xornadas ‘A dobraxe, unha profesión especializada’

A Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia promove co apoio da Xunta esta iniciativa, que se celebra entre hoxe e mañá na ESAD
Mér, 29/01/2014 - 19:12
A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración das xornadas ‘A d
A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración das xornadas ‘A dobraxe, unha profesión especializada’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da xornada ‘A dobraxe: unha profesión especializada’, promovida pola Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia (Apradoga) e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) co apoio da Xunta.

A ESAD acolle entre hoxe e mañá a realización destas xornadas, “unha iniciativa que nos permite poñer en valor e recoñecer a calidade do traballo que veñen realizando os profesionais do sector en Galicia”, afirmou Anxo Lorenzo. O secretario xeral, que estivo acompañado polo Santiago Cortegosa, en representación da Apradoga, e polo director da ESAD, Manuel Vieites, recordou a importante contribución da dobraxe a prol da normalización da lingua galega e destacou o interese deste espazo de reflexión e intercambio para que o alumnado da ESAD complete os seus estudos superiores de arte dramática.

O actor e director de dobraxe Xosé Antón Rubal foi o encargado de moderar a primeira mesa da xornada, centrada en temas como a tradución audiovisual desde unha perspectiva histórica, as ferramentas interpretativas na dobraxe e os fundamentos técnicos da interpretación e que contou coa participación de Charo Pena, Xerardo Couto, Pablo Calvo e Luís Iglesia.

A xornada de mañá, que será clausurada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, contará cunha mesa de relatorios moderada polo locutor e actor de dobraxe Carlos Jiménez, na que participarán Antonio Mourelos, Tere Santamaría, Javier Valdés e Tacho González para abordar aspectos como as peculiaridades da dobraxe de animación ou a dobraxe como instrumento audiovisual.