A consellería de Educación destinará este verán preto de 150.000 euros en obras de mellora no CEIP de Baño-Xanza en Valga, Pontevedra

O conselleiro de Educación asistiu aos actos de conmemoración do XXV aniversario do colexio Xesús Ferro Couselo, tamén na localidade pontevedresa

Sáb, 19/06/2010 - 18:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, vai destinar este verán preto de 150.000 euros a acometer obras de reposición da infraestrutura eléctrica e da caldeira do CEIP de Baño-Xanza, en Valga, Pontevedra. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, que asistiu hoxe á celebración do XXV aniversario do CEP Xesús Ferro Couselo, tamén na localidade pontevedresa. O compromiso da Consellería co Ferro Couselo xa se ten posto de manifesto nos últimos anos con importantes inversións neste centro. En particular, lembrou o conselleiro, o pasado ano 2009, o departamento de educación da Xunta de Galicia renovou os solados e parte das cubertas do centro, o que redundou nun maior benestar da comunidade educativa

A Consellería mantén os compromisos actuais, e futuros, con estes centros, e continúase a manter conversas entre o Concello e a Secretaría Xeral da Consellería de cara a novas obras.

Ao acto de conmemoración do aniversario, que se celebrou no auditorio municipal, engadiuse a entrega de premios aos estudantes cos mellores expedientes académicos dos centros escolares do Concello. Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “é unha satisfacción porque estamos perante os resultados dun traballo magnífico, no ámbito do sistema educativo da nosa terra. Orgullo, porque o seu balance pon de manifesto que os colexios públicos de Galicia están entre os mellores da comunidade educativa”. Vázquez Abad tamén recordou a figura de Xesús Ferro Couselo ao dicir que “entre as súas actividades pioneiras figura a Editorial Galaxia e a fulgurante revista Grial, que aínda hoxe é un agasallo de vigor e oportunidade informativa e intelectual”.

Os premiados de 6º de primaria do CEP Xesús Ferro e o CEIP Baño foron Roi Pereira Angueira e Ana Otero Losada, respectivamente. Ademais, do IES de Valga recoñeceuse o traballo desenvolvido po Alejandro José Loureiro Fernández en Ciencias, e de Araceli Luna Magariños en Humanidades. Do mesmo centro premiouse o labor de Eduardo Carballé Estevez no Ciclo Medio de Soldadura e caldeirería; o de Francisco Seijo Sánchez, no Ciclo Superior de Construcións metálicas; e Javier Bernal Blanco polo seu traballo no programa de cualificación profesional inicial de fabricación metálica.

Tras a entrega de premios deu comezo o festival conmemorativo no que se congregaron preto de mil persoas representativas destes vinte e cinco anos, no que se celebraron diversas actuacións, representacións e bailes. Ao longo de dito acto estiveron xuntos ex alumnas e alumnos, antigo persoal administrativo e equipos directivos, familias e membros das ANPAS, coas actuais xeracións de cada un destes estamentos. Todos eles presenciaron as homenaxes a persoas e colectivos como as avoas que coidan a horta escolar, á asociación Axentiva (de maiores) e Albo de mulleres rurais, así como ao centro de día. Os actos rematarán hoxe cunha cea conmemorativa na que estarán presentes máis de cincocentos dos asistentes.

Actividades conmemorativas

Os actos de celebración desenvólvense desde hai uns días. Así, o xoves realizouse una ofrenda floral no campo da festa para render tributo á figura de Xesús Ignacio Ferro Couselo, ilustrador e ensaísta  que deu nome ao centro escolar homenaxeado. Entre as actividades organizadas destaca a recreación dun aula antiga, exposta no auditorio de Valga. A maqueta, cedida polo Museo Pedagóxico de Galicia, ten como obxectivo render homenaxe aos estudantes dos anos cincuenta e mostras ás novas xeracións como era a vida dos estudantes de hai máis de medio século.

Outra das actividades a destacar é unha mostra de fotografías que rememora os anos de vida do CEP Xesús Ferro  Couselo, e que se condensa nunha publicación ideada e elaborada polos estudantes do centro.