Cultura e Educación dá co Proxecto Combas un novo impulso aos programas para a mellora da calidade educativa en cada centro a partires da súas necesidades particulares
A iniciativa da Consellería enmárcase na política de fomento da autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros
Trátase de un novidoso plan de formación do profesorado que integra algunhas accións que viñan desenvolvendo os centros a través do plan anual de formación de docentes
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a primeira convocatoria do Proxecto Combas, un novidoso plan de formación do profesorado que integra algunhas accións que viñan desenvolvendo os centros educativos a través do Plan Anual de Formación do Profesorado. A través desta iniciativa o departamento educativo da Xunta de Galicia dá un novo impulso aos programas para a mellora da calidade educativa en relación coa formación en competencias básicas en cada centro de ensino, a través da análise das súas necesidades particulares. Trátase dunha nova accións que se enmarca na política da Consellería de fomento da autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros.
O obxectivo de Combas é apoiar a integración das competencias básicas (CCBB) no currículo na programación que se imparte, a través de concrecións curriculares para cada centro educativo participante, incidindo de forma especial na adecuación metodolóxica e na avaliación.
Os centros educativos que desexen participar no Proxecto Combas poderán solicitalos ata o día 28 de outubro de 2013, conforme aos requirimentos da convocatoria, publicada no portal web da Consellería, no enlace /portal/node/10800 . A Fase 1 da convocatoria vai dirixida a centros sostidos con fondos públicos que impartan educación primaria ou ESO e que se incorporan por primeira vez ao proxecto. A Fase 2 está dirixida aos centros que xa desenvolveron o curso pasado a Fase A1 a través do Plan Anual de Formación do Profesorado ou que, sen desenvolvela, estean en condicións de abordala con éxito. Cada fase ten unha duración dun curso académico.
Modalidades
A Fase 1 ten por obxecto elaborar exemplos de tarefas que integren obxectivos, contidos, criterios de avaliación e competencias básicas (CCBB), iniciando unha concreción curricular particular e adecuada á realidade de cada centro educativos, e que se recollerán nun portafolio. Toda a documentación relativa ás actividades realizadas ao longo deste plan deberá ser entregada como traballo final, xunto cunha memoria de actas e avaliación de cada unha das tarefas desenvolvidas.
Na Fase 2, partindo da concreción curricular xa realizada polo centro, os centros desenvolverán unha Unidade Didáctica Integrada (UDI), o primeiro paso para a posta en marcha de diferentes proxectos de mellora da calidade educativa baseados na avaliación interna e externa. do rendemento do alumnado e do éxito escolar. Esta UDI quedará tamén recollida nun portafolio que se entregará como traballo final
Recoñecemento ao labor do profesorado
O Proxecto Combas é unha iniciativa máis dentro da aposta da Consellería de Cultura e Educación pola formación do profesorado galego como piar fundamental no avance cara á excelencia no ensino. Por iso, os docentes participantes recibirán unha certificación de 30 horas de formación por cada curso escolar no que formen parte do equipo que leva a cabo o programa no centro. De xeito complementario, as persoas coordinadoras recibirán unha certificación de Innovación Educativa con equivalencia en 20 horas de formación.
Asemade, os centros participantes terán prioridade para o desenvolvemento de actividades de formación en centros nas próximas convocatorias. Cómpre lembrar que a Consellería puxo en marcha no curso 2012/2013 o proxecto piloto dos plans de formación en centros, unha iniciativa moi demandada polos docentes. No seu primeiro ano de funcionamento participaron xa 68 centros.