Cultura e Educación en materia de comedores escolares asumirá a xestión do comedor escolar en Narón, despois de que o Concello de Narón rexeitara renovar o convenio neste eido

O departamento educativo da Xunta de Galicia considera totalmente inapropiadas as peticións que realizada agora o goberno municipal, e que reflicte ademais na prensa, despois de terse negado á proposta da Consellería de renovar a colaboración

O esforzo económico da Consellería para asumir o comedor será de arredor de 170.000 euros, liberando ao Concello de cargas económicas por este servizo

Xov, 04/07/2013 - 19:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera totalmente inapropiadas as informacións trasladadas aos medios polo Concello de Narón respecto das prazas de comedor escolar, tendo en conta que foi o propio goberno municipal o que rexeitou renovar a colaboración coa Consellería neste eido. Cómpre lembrar que para o curso 12/13 asinouse un convenio para cubrir este servizo que supuxo un investimento de 50.000 euros por parte da Consellería, unha contía que se incrementará agora ata os arredor de 170.000 euros ao asumir este servizo de comedor a Xunta de Galicia. Ademais, o Concello quedará así liberado de cargas económicas por este servizo.

Neste sentido cómpre sinalar que, dado que o Concello non quixo continuar colaborando coa Xunta, a Consellería enviou con data 27 de maio de 2013  comunicacións ás ANPAS afectadas, nas que  se lles indicaba que, dado que non fora posible asinar convenio de colaboración co Concello de Narón,  se lles ofrecía a posibilidade de que a Consellería asumira a xestión do comedor, dentro do actual marco de asunción de comedores xestionados polas ANPAS. Diante da ausencia de resposta, e co fin de garantir a continuidade deste servizo e non causar un prexuízo as familias, a Consellería decidiu asumir estes comedores, co mesmo número de prazas  que o Concello de Narón viña xustificando a través do convenio de colaboración en vigor  para o curso actual 2012-2013.

Polo tanto, o departamento educativo da Xunta de Galicia asumirá a xestión do comedor para 220 usuarios dos CEIP A Solaina, A Gándara, Virxe do Mar e do Feal. O esforzo económico da Consellería para asumir este servizo será de arredor de 170.000 euros.  Deste xeito queda reflectido o compromiso da Consellería coa prestación deste servizo, facéndose cargo del cando o Concello parece máis interesado en trasladar informacións interesadas na prensa que no benestar da comunidade educativa.