A Consellería de Educación e Alcoa achegan a prevención de riscos laborais aos centros educativos coruñeses

Xesús Vázquez Abad presentou hoxe o proxecto para a seguridade nos centros que imparten Formación Profesional da provincia

Mié, 01/12/2010 - 13:00
da presentación do ‘Proxecto de prevención de riscos en centros de Formación Pro
Xesús Vázquez Abad e Jose Luis Mira Lema na presentación do ‘Proxecto de prevención de riscos en centros de Formación Profesional da Coruña’

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, incidiu hoxe na importancia da seguridade nos centros educativos que imparten ciclos formativos, no marco da presentación do ‘Proxecto de prevención de riscos en centros de Formación Profesional da Coruña’ que, en colaboración coa Fundación Alcoa, ten como obxectivo o afianzamento da cultura da prevención e a seguridade nas aulas e talleres. Desta iniciativa veranse beneficiados este curso máis de 2.000 alumnos e 200 profesores dos tres centros nos que se vai implantar. Tal e como explicou o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, o éxito deste programa vén avalado polos máis de 800 alumnos que o curso pasado so na Coruña se beneficiaron das iniciativas xa postas en marcha nesta materia, e que poden obter os certificados en prevención de riscos laborais de nivel básico.

Neste acto estiveron tamén presentes o xefe de planta de Alcoa A Coruña, José Gil Fernández Pulpeiro; e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema; así como profesorado que participará activamente na formación do alumnado dos tres centros que integrarán o proxecto nos seus plans formativos: o CIFP Someso e os IES A Sardiñeira e IES Urbano Lugrís. Estes centros imparten ciclos formativos das familias profesionais de edificación e obra civil, electricidade e electrónica, fabricación mecánica, imaxe persoal, instalación e mantemento, madeira, moble, química e transporte e mantemento de vehículos. 

Cultura e equipamento de seguridade

O obxectivo fundamental do proxecto, que conta cun orzamento de 40.000 euros, é inculcar a cultura da prevención de riscos tanto no profesorado como no alumnado dos centros participantes. Así, o plan inclúe cursos de formación para o profesorado e o alumnado co fin de asegurar un alto nivel de resposta e implicación e a motivación necesaria para realizar prácticas con seguridade. Ao mesmo tempo, prevé a avaliación de riscos en instalacións e equipamento dos centros seleccionados, a valoración e avaliación de factores de saúde e seguridade, o deseño de procedementos de seguridade, a identificación das tarefas de alto risco e a análise do desenvolvemento do traballo, a mellora do deseño do posto de traballo e dos métodos e hábitos de traballo, a creación de fichas de seguridade para o manexo de sustancias perigosas, a provisión do equipamento de seguridade cando se requira e a sinalización nas instalacións e equipamentos.

Para avaliar o desenvolvemento do proxecto crearase unha comisión de seguimento conxunta da Consellería e a Fundación Alcoa, que medirá os progresos no cumprimento dos obxectivos, o desenvolvemento das accións definidas e os coñecementos impartidos tanto a metade do proxecto como ao final do mesmo.

Ampliación a toda Galicia

Este proxecto ten carácter de ampliación e está baseado no proxecto piloto que se realizou no curso académico 2008-2009 en centros de Formación Profesional da Mariña lucense, concretamente no CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, no IES Perdouro, de Burela, e no IES María Sarmiento, de Viveiro. A intención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é seguir estendendo o proxecto a outras familias profesionais de formación profesional e a outras comarcas de Galicia. Este proxecto tamén se desenvolveu en colaboración coa Fundación Alcoa.

Ademais, a Consellería está a impartir en todos os centros integrados de formación profesional (CIFP) da Comunidade Autónoma de Galicia formación en prevención de riscos que permite obter o certificado en prevención de riscos laborais de nivel básico. Nesta formación participa o profesorado e o alumnado de 2º curso dos ciclos formativos aínda non adaptados á LOE - os xa adaptados incorporan esta materia nos seus currículos.

Menús News node R