Que son?

Contratos programa

O contrato-programa é unha iniciativa de innovación educativa desenvolvida desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para proporcionarlles aos centros docentes públicos unha estratexia de mellora da calidade do ensino.

Os destinatarios son EEI, CRA, CEP, CEIP, CEE, CPI, CIFP, EPAPU e IES públicos de Galicia.

Cada centro pode contribuír á mellora da calidade do ensino a través da solicitude dalgunha das 9 actuacións de que consta o contrato-programa:

1. REFÓRZA-T. Modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo.

Con esta actuación preténdese mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado, para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

2. Mellora das competencias clave.

Esta actuación incorporará aquelas medidas que incidan na mellora das seguintes competencias clave: Competencia Matemática e Competencias Básicas en Ciencia e Tecnoloxía (CMCT) e Comunicación Lingüística (CCL) das linguas curriculares impartidas no centro.

3. IGUÁLA-T

Desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prevención e tratamento da violencia de xénero, promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual, prevención e tratamento da LGBTIfobia e outras medidas semellantes. Farase fincapé en aspectos relevantes na construción da igualdade, ou de actitudes e comportamento discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero.

4. CON-VIVE

Os centros educativos poden deseñar e canalizar actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, actuacións de acollida, promover a conciliación ou mediación escolar, traballar na xestión de conflitos ou na mellora da intelixencia emocional. En definitiva, promover a sensibilización, implicación e compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais que determinen un profundo interese pola mellora da convivencia e da cultura da paz.

5. INCLÚE-T

Desenvolveranse medidas que fomenten e melloren a inclusión no centro dirixidas: á atención á diversidade, á inclusión educativa do alumnado, á colaboración con asociacións que traballan na diversidade funcional, ao fomento de recreos igualitarios e inclusivos, ao desenvolvemento de dinámicas de traballo cooperativo e á creación de escolas de nais e pais, e outras medidas semellantes.

6. Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar.

Desenvolveranse medidas específicas nos centros con menor índice de titulación e/ou promoción na educación secundaria. Así mesmo intervirase naqueles centros de primaria e secundaria con maiores taxas de abandono escolar temperán e absentismo co fin de reducilas.

7. Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Esta actuación supón unha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado.

8. Mellora da calidade na xestión dos centros.

Trátase dun conxunto de medidas ou actividades destinadas a mellorar a xestión dos centros educativos a partir da reflexión e a toma de decisións baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles.

9. Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO. Modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo.

O desenvolvemento desta actuación supón a creación de grupos de reforzo da competencia matemática, da competencia en comunicación lingüística nas linguas curriculares do centro ou das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.