Preguntas frecuentes

 

1. Acreditación do coñecemento da lingua galega

  • É obrigatorio acreditar o coñecemento da lingua galega?

Si, e no caso de non posuír ningún dos requisitos establecidos no punto 3.1 da orde da convocatoria deberá realizar unha proba escrita que terá carácter eliminatorio.

  • Cando se está exento de realizar a proba de acreditación de coñecemento de lingua galega?

Estarase exento cando se acredite o coñecemento da lingua galega co Certificado de Celga 4 ou equivalente, curso de perfeccionamento da lingua galega, validación do curso de perfeccionamento en lingua galega realizada polo órgano competente, o título de licenciatura en Filoloxía galego-portuguesa, certificado de aptitude ou nivel avanzado de galego da escola oficial de idiomas ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.

Subir ao índice

2. Prazo de presentación de solicitudes

Cando remata o prazo de presentación de solicitudes?

O prazo remata o día 21 de novembro de 2022.

As solicitudes presentadas fóra de prazo non serán admitidas.

Non se admitirá tampouco o pagamento das taxas fóra do prazo. Lémbrase que se deben pagar taxas por cada especialidade na que se inscriba.

O pagamento das taxas realizarase de xeito electrónico. Logo de pechada a instancia, deberá ir ao “paso 1: pago de taxas”. Ao premer no botón "Pagar taxa", crearase unha taxa na Oficina Virtual da Axencia Tributaria de Galicia cos seus datos e co importe que debe pagar. A continuación prema na ligazón que se lle amosará; será redirixido/a á web da Oficina Virtual da Axencia Tributaria de Galicia, na que poderá realizar o pagamento mediante tarxeta (tarxeta de calquera entidade a través de ABANCA ou tarxeta de Caixa Rural Galega, Caixabank, Caja Rural de Zamora, Evo Banco a través da correspondente entidade):

Para máis información sobre os requisitos técnicos para o pagamento ou resolver calquera dúbida relacionada con este debe dirixirse á Axencia Tributaria de Galicia a través do enderezo https://ovt.atriga.gal/atendemos.

  • Pode presentarse primeiro a solicitude e facer posteriormente o pagamento das taxas fóra de prazo?

Non. É necesario presentar tanto a solicitude como realizar o pagamento das taxas dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes.

Ademais, NON se terá que entregar o xustificante electrónico de pagamento das taxas xa que a propia consellería verificará o pago de modo automático.

O simple pagamento das taxas no prazo de presentación de solicitudes non substituirá en ningún caso o trámite de presentación electrónica da solicitude de participación no procedemento selectivo dentro do prazo establecido. É dicir, a presentación da solicitude e o pagamento das taxas deberán realizarse dentro do prazo de presentación de solicitudes.

O xustificante do pagamento poderá descargarse ademais desde https://www.edu.xunta.gal/oposicions unha vez finalizado o pago.

Subir ao índice

3. Requisitos de titulación do persoal participante

  • Para reunir o requisito de titulación é preciso ter pagados os dereitos de expedición do título ou é suficiente con ter superadas tódalas materias que configuran o plan de estudos?

É preciso posuír o título ou ter satisfeitos os dereitos de expedición deste.

  • Cal e a titulación requirida para presentarse ao corpo de mestres?

Debe posuír algún dos seguintes títulos: mestre/a ou grao en mestre/a de educación infantil ou de educación primaria, profesor/a de educación xeral básica ou título de mestre/a de ensino primario. Recorde que este título é o esixido para o ingreso no corpo de mestres e polo tanto poderase presentar a calquera das especialidades convocadas independentemente da especialidade ou mención que conste no seu título.

  • Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de profesores de ensino secundario e de escolas oficias de idiomas?

a) Posuír o título de doutoramento, licenciatura, enxeñería, arquitectura ou título de grao correspondente ou outros títulos equivalentes para os efectos de docencia ou ter superado todos os estudos conducentes para a súa obtención e ter satisfeitos os dereitos de expedición del.

De conformidade co establecido na disposición adicional única do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, para ingreso no corpo de profesores de ensino secundario, para as especialidades que se detallan no anexo V deste, poderán ser admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación esixida con carácter xeral, posúan algunha titulación de diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou enxeñería técnica.

  • Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional?

Posuír a titulación de Diplomatura, Arquitectura Técnica, Enxeñería Técnica ou o título de Grao, Licenciatura, Enxeñaría ou Arquitectura, correspondente ou outros títulos de Técnico Superior de Formación Profesional declarados equivalentes, para os efectos de docencia.

Para o ingreso no corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional para as especialidades que se detallan no anexo VI do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, poderán ser admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación esixida con carácter xeral, posúan algunha titulación de Técnico Superior da familia profesional ou familias profesionais para cuxas titulacións teña atribución docente a especialidade pola que se concursa. Os títulos declarados equivalentes a Técnico Superior para efectos académicos e profesionais, serán tamén equivalentes para efectos de docencia.

  • Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de catedráticos e profesores de música e artes escénicas e de profesores de artes plásticas?

Posuír o título de doutoramento, licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou título de grao correspondente ou outros títulos equivalentes para os efectos de docencia ou ter superado todos os estudos conducentes para a súa obtención e ter satisfeitos os dereitos de expedición del.

De conformidade coa disposición adicional única do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, para ingreso no corpo de profesores de música e artes escénicas decláranse equivalentes para os efectos de docencia as titulacións que se relacionan no anexo III da orde de convocatoria.

Asi mesmo, de conformidade co establecido na disposición adicional única do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, para ingreso no corpo de profesores de artes plásticas e deseño, nas especialidades de Conservación e Restauración de Obras Escultóricas, Conservación e Restauración de Obras Pictóricas, Deseño de Interiores, Deseño de Moda e Deseño Gráfico, serán admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación esixida con carácter xeral, posúan unha das titulacións que se relacionan no anexo IV da orde de convocatoria.

  • Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de mestres de taller e artes plásticas?

Posuír o título de doutoramento, licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou título de grao correspondente, ou título de diplomatura universitaria, arquitectura técnica, enxeñaría técnica ou título de grao correspondente ou outros títulos equivalentes para os efectos de docencia ou ter superado todos os estudos conducentes para a súa obtención e ter satisfeitos os dereitos de expedición del. De conformidade co establecido na disposición adicional única do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, para ingreso no corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño, nas especialidades de Dourado e Policromía, Fotografía e Procesos de Reprodución, Talla en Pedra e Madeira, Técnicas de Gravado e Estampación e Técnicas de Metal serán admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación exixida con carácter xeral, posúan unha das titulacións declaradas equivalentes para os efectos de docencia que se relacionan no anexo V da presente orde.

 

Subir ao índice

4. Obriga de presentarse para o persoal interino e substituto

  • Están obrigadas as persoas interinas e substitutas a presentarse ao procedemento selectivo?

Nesta convocatoria non é obrigado que o persoal interino e susbtituto se presente ao procedemento selectivo toda vez que o día 2 de xuño de 2022 a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades acordou coas organizacións sindicais ANPE, CC.OO, CSIF-ENSINO, UGT-SP ENSINO engadir unha disposición transitoria cuarta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias de modo que o persoal interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non estará obrigado a participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoquen no ano 2022 para os únicos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións.

Subir ao índice

5. Podo ser incluído/a nas listas de interinidades e substitucións nesta convocatoria?

De conformidade coa base vixésima da convocatoria ao non realizarse ningunha proba selectiva, o persoal participante no concurso de méritos convocado NON accederá ás listas de interinidades e substitucións reguladas no Acordo do 20 de xuño de 1995.

Subir ao índice

6. Como cubro a autobaremación da solicitude?

O persoal participante deberá cubrir a autobaremación do seguinte xeito:

  • I. Experiencia docente previa: cubra na epígrafe correspondente o número de anos e meses, de ser o caso, que alegue. A aplicación web calculará automaticamente a puntuación que se lle outorga de conformidade co período temporal declarado responsablemente polo persoal aspirante. Para o cálculo deberá empregar o botón Calcular situado na marxe inferior da autobaremación.

    No caso de que non posúa experiencia docente previa deberá consignar en todos os apartados un 0 no recadro de anos e un 0 no recadro de meses.

  • II: Formación académica: cubra os recadros coa puntuación que lle corresponda.

    No caso de que non posúa formación nalgún apartado para autobaremar deberá consignar un 0 no recadro correspondente.

  • III: Outros méritos: cubra o número de cursos que posúa segundo o número de créditos e os requisitos establecidos neste apartado. A aplicación web calculará automaticamente a puntuación que se lle outorga. Para o cálculo deberá empregar o botón Calcular situado na marxe inferior da autobaremación.

    No caso de que non posúa formación nalgún ou en todos os apartados consigne un 0.

  • Unha vez cubertos todos os apartados, deberá empregar o botón Calcular para visualizar a puntuación total da autobaremación.

A aplicación web non permitirá que se superen os máximos establecidos para cada apartado e subepígrafe así como á puntuación total máxima establecida nesta convocatoria.

No caso de falsidade nos datos consignados, en particular na autobaremación, o persoal aspirante poderá ser excluído da súa participación neste procedemento con independencia das responsabilidades a que houbese lugar.

Subir ao índice

7. Fase de prácticas

De conformidade coa base décimo oitava da orde de convocatoria as persoas que superen o procedemento selectivo convocado pola presente orde NON terán que realizar unha fase de prácticas. Verificado que as persoas reúnen os requisitos xerais e específicos de participación establecidos nesta convocatoria, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades aprobará o expediente do proceso selectivo e remitirá as listas do persoal ingresado no correspondente corpo e especialidade ao Ministerio de Educación e Formación Profesional, para o nomeamento e expedición dos títulos de persoal funcionario de carreira, coa efectividade do 1 de setembro de 2023.

Subir ao índice