Preguntas frecuentes
1. Preguntas frecuentes do concurso_oposición convocado pola Orde do 31 de xaneiro de 2024
-
Cal é o prazo de presentación de solicitudes?
O prazo comezará o día 15 de febreiro de 2024 e rematará o día 6 de marzo de 2024.
As solicitudes presentadas fóra de prazo non serán admitidas.
-
Pode presentarse primeiro a solicitude e facer posteriormente o pagamento das taxas?
Non. A partir desta convocatoria o pagamento das taxas realizarase obrigatoriamente na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O pago da taxa electónica será imprescindible para a presentación da solicitude por medios electrónicos.
Polo tanto, cando peche a súa solicitude deberá premer no botón enviar a Sede Electrónica para Presentación, logo verá un aviso no que se lle indica que se enviou o borrador á sede electrónica pero non estará correctamente presentada ata que confirme o borrador na sede e deberá premer o botón Ir a Sede Electrónica para Presentación.
Abrirase unha xanela de acceso á Sede Electrónica na que terá que identificarse por calquera dos medios admitidos (certificado dixital, Chave 365 ou Clave).
Unha vez que se identifique poderá achegar a documentación que considere conveniente en formato electrónico e xa poderá pagar a taxa seguindo todos os pasos que se lle indiquen na sede.
Cando remate o pago poderá descargar un xustificante de telo realizado premendo no botón continuar pero lembre que aínda non rematou o proceso de presentación electrónica.
Para rematar a presentación electrónica debe premer o botón continuar. A continuación prema Asine e finalice a presentación telemática da solicitude.
Lembre que a solicitude non estará correctamente presentada ata que poida obter o recibo de presentación da sede electrónica co número de rexistro de entrada e a data de presentación.
+ DOADO > PREMA NESTA LIGAZÓN PARA VISUALIZAR TODOS OS PASOS
-
Cando está previsto que comecen as probas?
O procedemento selectivo, segundo establece a convocatoria, dará comezo a partir do 22 de xuño de 2024, sen prexuízo do disposto nas bases oitava e novena da convocatoria no que atinxe ás probas de acreditación de coñecemento do castelán e do galego, para quen proceda, que terán lugar o día 14 de maio de 2024, ás 17.00 e 18.30 horas respectivamente no IES As Fontiñas (rúa Estocolmo 5, Santiago de Compostela)
-
É obrigatorio asistir ao acto de presentación?
Si, asisitir ao acto de presentación é obrigatorio para todas as persoas aspirantes dos procedementos selectivos e celebrarase a partir do 22 de xuño de 2024.
Este acto de presentación, que terá lugar con posterioridade á realización das probas de coñecemento do castelán e da lingua galega, ten carácter persoalísimo e, en consecuencia, non se admitirán acreditacións nin poderes de representación.
As persoas aspirantes que non asistan ao dito acto decaerán nos seus dereitos e serán excluídas do procedemento, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal; igualmente, será motivo de exclusión o feito de presentarse nun tribunal ao cal non se estea adscrito.
-
É obrigatorio acreditar o coñecemento da lingua galega?
Si, e no caso de non posuír ningún dos requisitos establecidos no punto 3.2.1.c) da orde da convocatoria deberá realizar unha proba escrita que terá carácter eliminatorio.
-
Cando se está exento de realizar a proba de acreditación de coñecemento de lingua galega?
Estarase exento cando se acredite o coñecemento da lingua galega co Certificado de Celga 4 ou a súa validación, curso de perfeccionamento da lingua galega, validación do curso de perfeccionamento en lingua galega feita polo órgano competente, o título de licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, certificado de aptitude ou nivel avanzado de galego da escola oficial de idiomas ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.
Lémbrase que as persoas aspirantes que aleguen estar exentas de realizar a proba de coñecemento do galego, presentarán coa solicitude, se é o caso, o correspondente documento xustificativo. Se a persoa aspirante xa presentou este documento nalgún dos procesos selectivos de profesorado convocados pola Consellería de Educación desde a Orde do 17 de marzo de 2014 non o debe achegar de novo.
-
Se se supera o procedemento selectivo e se prestou servizos con anterioridade como profesor/a interino/a, estase exento da fase de prácticas?
Non. Segundo se establece na base 20.6 da convocatoria, para estar exento da fase de prácticas é preciso acreditar ter prestado servizos, polo menos durante un ano, como funcionario/a de carreira dun corpo docente.
-
Para reunir o requisito de titulación é preciso ter pagados os dereitos de expedición do título ou é suficiente con ter superadas tódalas materias que configuran o plan de estudos?
É preciso posuír o título ou ter satisfeitos os dereitos de expedición deste.
-
Cal e a titulación requirida para o ingreso no corpo de mestres?
Mestre/a ou grao en mestre/a de educación infantil ou de educación primaria, profesor/a de educación xeral básica ou título de mestre/a de ensino primario. Lembre que este título é o esixido para o ingreso no corpo de mestres e poderase presentar a calquera das especialidades convocadas independentemente da especialidade ou mención que conste no seu título.
-
Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de profesores de ensino secundario e profesores de escolas oficiais de idiomas?
Doutoramento, licenciatura, enxeñería, arquitectura ou título de grao correspondente ou outros títulos equivalentes para os efectos de docencia ou ter superado todos os estudos conducentes para a súa obtención e ter satisfeitos os dereitos de expedición.
De conformidade co establecido na disposición adicional única do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, para ingreso no corpo de profesores de ensino secundario, para as especialidades que se detallan no anexo V deste, poderán ser admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación esixida con carácter xeral, posúan algunha titulación de diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou enxeñería técnica.
Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional?
Diplomatura, Arquitectura Técnica, Enxeñería Técnica ou o título de Grao, Licenciatura, Enxeñaría ou Arquitectura, correspondente ou outros títulos de Técnico Superior de Formación Profesional declarados equivalentes, para os efectos de docencia. Para o ingreso no corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional para as especialidades que se detallan no anexo VI do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, poderán ser admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación esixida con carácter xeral, posúan algunha titulación de Técnico Superior da familia profesional ou familias profesionais para cuxas titulacións teña atribución docente a especialidade pola que se concursa. Os títulos declarados equivalentes a Técnico Superior para efectos académicos e profesionais, serán tamén equivalentes para efectos de docencia.
-
É obrigatorio posuír a formación pedagóxica e didáctica?
Si para os corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas e profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional.
-
É preciso achegar os méritos coa solicitude de participación?
Non, de acordo coa base 11.3.1 da convocatoria a documentación debe presentarse na forma que se establece no anexo II, III e IV e no prazo que estableza o propio tribunal ao publicar a resolución que faga pública a relación de persoal aspirante que superou a primeira proba, a primeira parte da proba ou a proba, segundo proceda, no taboleiro de anuncios da sede de actuación e no enderezo electrónico https://www.edu.xunta.gal/oposicions
No caso do persoal aspirante a acceder ao corpo de inspectores de educación ou ao corpo de profesores de ensino secundario pola quenda de promoción do subgrupo A2 ao subgrupo A1 relacionará todos os méritos que alegue debendo acreditar documentalmente unicamente aqueles méritos que non consten na base de datos de profesorado.
No caso do persoal aspirante pola quenda de ingreso libre ou de persoas con discapacidade, relacionará todos os méritos que alegue debendo acreditar documentalmente todos os méritos alegados agás os relativos ás actividades de formación recibida e impartida que xa consten na base de datos do profesorado así como os relativos aos servizos prestados en centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
-
É preciso achegar o título, a xustificación do coñecemento da lingua galega e, se é o caso, do castelán, a formación pedagóxica e didáctica?
1.- Non, se a persoa aspirante se presentou a algún dos procedementos selectivos convocados pola Consellería de Educación desde a Orde do 17 de marzo de 2014
2. Se a persoa aspirante non se presentou a algún dos procedementos selectivos convocados pola Consellería de Educación desde a Orde do 17 de marzo de 2014, debe achegar coa solicitude a seguinte documentación:
-
No caso de non dispor do título, certificación académica que acredite que se realizaron todos os estudos para a obtención deste xunto co recibo de pagamento dos dereitos de expedición. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentarse a credencial da súa homologación.
Deberán achegar o título aquelas persoas que posúan o título de mestre/a de ensino primario, diplomatura en profesorado de educación xeral básica, mestre/a ou grao de mestre/a en educación primaria e aqueloutras persoas que posúan unha titulación de licenciatura ou enxeñería nos que se requira unha especialidade para formar parte das listas para cubrir interinidades ou substitucións.
Ademais do anterior, se no título non consta a especialidade e, de ser o caso, o idioma estranxeiro deste, deberán achegar a certificación académica persoal.
Así mesmo, aquelas persoas graduadas en educación primaria que obtiveran unha mención nunha Universidade distinta da que obtiveron o título, e aleguen esta mención para a súa inclusión nas listas de interinidades ou substitucións deberán achegar certificación académica oficial expedida pola Universidade acreditativa da obtención da mención.
-
De ser o caso, documentación acreditativa de posuír a formación pedagóxica e didáctica ou da formación equivalente, ou da docencia efectiva que a substitúa.
-
Documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega.
-
Documentación acreditativa da titulación de español, no caso de persoas que non posúan a nacionalidade española e non teñan como idioma oficial o español.
-
Documentación xustificativa da exención ou bonificación das taxas.
-
Documentación acreditativa da discapacidade que xustifique a necesidade da adaptación, para o persoal aspirante que solicite a adaptación de tempo e medios.
-
Documentación identificativa para o persoal aspirante que non teña a nacionalidade española.
Non será necesario achegar nin a titulación alegada nin a acreditación da formación pedagóxica e didáctica nin o documento xustificativo do coñecemento do galego ou, se é o caso, do castelán, no caso daquelas persoas que xa o fixeran nos procedementos selectivos convocados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, desde a Orde do 17 de marzo de 2014.
3. Os seguintes datos consultaranse automaticamente e, polo tanto, non será necesario que achegue a documentación acreditativa sempre que a persoa interesada non se opoña a súa consulta:
-
Identidade da persoa solicitante ou representante
-
Títulos oficiais universitarios, sen prexuízo do disposto no apartado 1º do punto 2.
-
Títulos oficiais non universitarios que dean acceso á función docente e que consten no Rexistro Central do Ministerio de Educación
-
Consulta da inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais.
-
Acreditación da condición de familia numerosa, no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).
-
Acreditación da condición de discapacidade, no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).
-
Inscrición como demandante de emprego ininterrompidamente desde 6 meses antes da publicación da orde de convocatoria no DOG e non estar a percibir prestación ou subsidio de desemprego na data de publicación da orde de convocatoria no DOG (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).
-
En que prazo deben reunirse os requisitos xerais e mailos requisitos específicos para cada caso?
Deberán posuírse no día no que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira.
-
Se presta servizos nas listas de interinidades e substitucións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten a obriga de presentarse ao procedemento selectivo?
Si. Están obrigadas a participar todas aquelas persoas que prestan servizos en calquera especialidade da comunidade autónoma sempre e cando se convoque a especialidade/especialidades nas que presta servizos. Para permanecer na lista de Orientación do corpo de mestres é preciso que se presente a algunha das especialidades convocadas.
-
Se se convoca a especialidade na que presta servizos, está obrigado a presentarse por esa mesma especialidade ou polo mesmo corpo?
Non. Bastará con participar en calquera especialidade de calquera dos corpos docentes que se convoquen.
-
As persoas interinas e substitutas poden optar por presentarse ao concurso-oposición noutra Comunidade Autónoma?
Efectivamente poden facelo sen decaer nos seus dereitos nas correspondentes relacións de persoal. Acéptase a presentación ós procesos selectivos convocados por outra Comunidade Autónoma. Neste caso a persoa interesada deberá presentar por medios electrónicos dirixido á Subdirección Xeral de Recursos Humanos a acreditación de terse presentado a outro procedemento selectivo, con anterioridade ao 20 de xullo de 2024
-
Cando pode decaer dos seus dereitos na lista na que presta servizos?
-Cando se convoque a especialidade na que presta servizos e non participe no procedemento selectivo por calquera especialidade de calquera dos corpos docentes que se convoquen, sexa en Galicia ou noutra Comunidade Autónoma.
- Cando non acuda ao acto de presentación así como a calquera das probas para as que sexa convocado/a polo tribunal, incluído o acto de lectura das probas. Neste suposto entenderase que se retira do procedemento selectivo e decaerá en todos os seus dereitos con respecto das listas das especialidades convocadas e ademais, se é o caso, da lista de orientación do corpo de mestres.
-
Que requisitos debe cumprir para ser incluído/a nas listas de interinidades e substitucións?
- Participar no procedemento selectivo pola especialidade en cuxa lista desexa ser incluído/a e manifestar expresamente na solicitude a súa vontade de inclusión na lista.
- Cumprir con todos os requisitos esixidos pola convocatoria.
- Para cada especialidade posuír unha das titulacións que se relacionan na Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se dá publicidade ás titulacións que permiten a incorporación ás listas de aspirantes a desempeñar postos docentes en réxime de interinidades e substitucións dos corpos de Mestres, de Profesores de Ensinanza Secundaria, de Profesores Técnicos de Formación Profesional e de Profesores de Escolas Oficiais de Idiomas que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros docentes desta consellería (DOG nº. 235, do 11 de decembro) e modificacións posteriores ou, de non tela, superar a primeira proba.