Preguntas frecuentes

 

1. Preguntas frecuentes do concurso_oposición convocado pola Orde do 5 de decembro de 2022

  • Cando remata o prazo de presentación de solicitudes?

O prazo remata o 30 de xaneiro de 2023.

As solicitudes presentadas fóra de prazo non serán admitidas.

Lémbrase que se deben pagar taxas por cada especialidade na que se inscriba.

O pagamento das taxas realizarase de xeito electrónico. Logo de pechada a instancia, deberá ir ao “paso 1: pago de taxas”. Ao premer no botón "Pagar taxa", crearase unha taxa na Oficina Virtual da Axencia Tributaria de Galicia cos seus datos e co importe que debe pagar. A continuación prema na ligazón que se lle amosará; será redirixido/a á web da Oficina Virtual da Axencia Tributaria de Galicia, na que poderá realizar o pagamento mediante tarxeta (tarxeta de calquera entidade a través de ABANCA ou tarxeta de Caixa Rural Galega, Caixabank, Caja Rural de Zamora, Evo Banco a través da correspondente entidade):

Para máis información sobre os requisitos técnicos para o pagamento ou resolver calquera dúbida relacionada con este debe dirixirse á Axencia Tributaria de Galicia a través do enderezo https://ovt.atriga.gal/atendemos.
 

  • Pode presentarse primeiro a solicitude e facer posteriormente o pagamento das taxas ?

É necesario presentar tanto a solicitude como realizar o pagamento das taxas dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes.

Ademais, NON se terá que entregar o xustificante electrónico de pagamento das taxas xa que a propia consellería verificará o pago de modo automático.

O simple pagamento das taxas no prazo de presentación de solicitudes non substituirá en ningún caso o trámite de presentación electrónica da solicitude de participación no procedemento selectivo dentro do prazo establecido. É dicir, a presentación da solicitude e o pagamento das taxas deberán realizarse dentro do prazo de presentación de solicitudes.

O xustificante do pagamento poderá descargarse ademais desde https://www.edu.xunta.gal/oposicions unha vez finalizado o pago.

 

  • Están obrigadas as persoas interinas e substitutas a presentarse ao procedemento selectivo?

Nesta convocatoria non é obrigado que o persoal interino e susbtituto se presente ao procedemento selectivo toda vez que o día 2 de xuño de 2022 a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades acordou coas organizacións sindicais ANPE, CC.OO, CSIF-ENSINO, UGT-SP ENSINO engadir unha disposición transitoria cuarta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias de modo que o persoal interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non estará obrigado a participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoquen no ano 2022 para os únicos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións.

 

  • Podo ser incluído/a nas listas de interinidades e substitucións nesta convocatoria?

NON, de conformidade co Acordo do 20 de decembro de 2022 entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-ENSINO e UGT-SP ENSINO polo que se engade unha disposición transitoria quinta ao Acordo do 20 de xuño de 1995, o persoal participante no concurso-oposición que se convoque en aplicación do artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, NON accederá ás listas de interinidades e substitucións reguladas no Acordo do 20 de xuño de 1995.

  • Cando está previsto que comecen as probas?

O procedemento selectivo, segundo establece a convocatoria, dará comezo a partir do 22 de xuño de 2023, sen prexuízo do disposto nas bases oitava e novena da convocatoria no que atinxe ás probas de acreditación de coñecemento do castelán e do galego, para quen proceda, que terán lugar o día 23 de maio de 2023, ás 17.00 e 18.00 horas respectivamente.

 

  • Se está exento de realizar a proba de acreditación do coñecemento do galego, é necesario asistir ao acto de presentación?

Si, o acto de presentación é de asistencia obrigatoria para todas as persoas aspirantes, polo que teñen que asistir aínda no suposto de que estean exentas de realizar a proba de acreditación do coñecemento do galego ou, de ser o caso, do castelán. Este acto de presentación ten carácter persoalísimo e, en consecuencia, non se admitirán acreditacións nin poderes de representación. As persoas aspirantes que non asistan ao dito acto decaerán nos seus dereitos e serán excluídas do procedemento, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal; igualmente, será motivo de exclusión o feito de presentarse nun tribunal ao cal non se estea adscrito.
 

  • É obrigatorio acreditar o coñecemento da lingua galega?

Si, e no caso de non posuír ningún dos requisitos establecidos no punto 3.2.1.c) da orde da convocatoria deberá realizar unha proba escrita que terá carácter eliminatorio.

  • Cando se está exento de realizar a proba de acreditación de coñecemento de lingua galega?

Estarase exento cando se acredite o coñecemento da lingua galega co Certificado de Celga 4 ou a súa validación, curso de perfeccionamento da lingua galega, validación do curso de perfeccionamento en lingua galega feita polo órgano competente, o título de licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, certificado de aptitude ou nivel avanzado de galego da escola oficial de idiomas ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.

Lémbrase que as persoas aspirantes que aleguen estar exentas de realizar a proba de coñecemento do galego, presentarán coa solicitude, se é o caso, o correspondente documento xustificativo. Se a persoa aspirante xa presentou este documento nalgún dos procesos selectivos de profesorado convocados pola Consellería competente en materia de educación desde a Orde do 17 de marzo de 2014 non o debe achegar de novo.

  • Se se supera o procedemento selectivo e se prestou servizos con anterioridade como profesor/a interino/a, estase exento da fase de prácticas?

Non. Segundo se establece na base 17.5 da convocatoria, para estar exento da fase de prácticas é preciso acreditar ter prestado servizos, polo menos durante un ano, como funcionario/a de carreira dun corpo docente.

  • Para reunir o requisito de titulación é preciso ter pagados os dereitos de expedición do título ou é suficiente con ter superadas tódalas materias que configuran o plan de estudos?

É preciso posuír o título ou ter satisfeitos os dereitos de expedición deste.

  • Cal e a titulación requirida para presentarse ao corpo de mestres?

Debe posuír algún dos seguintes títulos: mestre/a ou grao en mestre/a de educación infantil ou de educación primaria, profesor/a de educación xeral básica ou título de mestre/a de ensino primario. Recorde que este título é o esixido para o ingreso no corpo de mestres e polo tanto poderase presentar a calquera das especialidades convocadas independentemente da especialidade ou mención que conste no seu título.

  • Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de profesores de ensino secundario?

Posuír o título de doutoramento, licenciatura, enxeñería, arquitectura ou título de grao correspondente ou outros títulos equivalentes para os efectos de docencia ou ter superado todos os estudos conducentes para a súa obtención e ter satisfeitos os dereitos de expedición del.

De conformidade co establecido na disposición adicional única do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, para ingreso no corpo de profesores de ensino secundario, para as especialidades que se detallan no anexo V deste, poderán ser admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación esixida con carácter xeral, posúan algunha titulación de diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou enxeñería técnica.

  • Cal é a titulación esixida para o ingreso no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional?

Posuír a titulación de Diplomatura, Arquitectura Técnica, Enxeñería Técnica ou o título de Grao, Licenciatura, Enxeñaría ou Arquitectura, correspondente ou outros títulos de Técnico Superior de Formación Profesional declarados equivalentes, para os efectos de docencia.

Para o ingreso no corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional para as especialidades que se detallan no anexo VI do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, poderán ser admitidas as persoas que, aínda carecendo da titulación esixida con carácter xeral, posúan algunha titulación de Técnico Superior da familia profesional ou familias profesionais para cuxas titulacións teña atribución docente a especialidade pola que se concursa. Os títulos declarados equivalentes a Técnico Superior para efectos académicos e profesionais, serán tamén equivalentes para efectos de docencia

  • É obrigatorio posuír a formación pedagóxica e didáctica?

Si para os corpos de profesores de ensino secundario e de profesores de escolas oficiais de idiomas. No caso do corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional será preciso posuír a formación pedagóxica e didáctica á que se refire o artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou a establecida para a capacitación pedagóxica e didáctica dos Técnicos Superiores ou equivalente.

  • É preciso achegar os méritos coa solicitude de participación?

NON, de acordo coa base 11.3.1. o persoal participante deberá proceder do seguinte xeito:

a) Persoal participante con expediente persoal actualizado:

De conformidade co establecido no artigo 4.3 da Orde do 2 de xuño de 2021, pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código deprocedemento ED011A), todos os datos, tanto de identificación como académicos e profesionais que consten no expediente, serán empregados na tramitación e valoración de requisitos e méritos nos correspondentes procesos, entre outros, de selección de persoal, de xeito que non é necesaria a súa xustificación se xa constan no expediente da persoa participante.

O persoal participante poderá verificar todos os méritos que constan no seu expediente mediante a lapela que permite o acceso ao expediente persoal.

De estar conforme cos méritos que constan no seu expediente, o persoal participante só terá que presentar ao tribunal a relación dos méritos alegados, no modelo que consta no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/oposicions, no lugar de actuación do tribunal e no prazo e lugar que este estableza ao publicar a relación de persoas que superou a proba, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/oposicions.

b) Persoal participante sen expediente persoal ou co expediente persoal sen actualizar.

O persoal participante que supere a proba e non teña expediente persoal ou non o teña actualizado, deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos alegados que non consten no expediente persoal xunto co documento que os relaciona segundo o modelo que consta no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/oposicions e no lugar de actuación de cada tribunal, no prazo e lugar que estes establezan ao publicar a relación de persoas que superou a proba, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/oposicions.

Independentemente da data de presentación ante o tribunal da citada documentación, todos os méritos alegados deben posuírse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Cada tribunal poderá acceder ao expediente persoal das persoas aspirantes que teñan superada a proba e que actúan diante deste coa finalidade de verificar e baremar os méritos alegados polo persoal aspirante e que consten no expediente persoal.

  • É preciso achegar o título, a xustificación do coñecemento da lingua galega e, se é o caso, do castelán, a formación pedagóxica e didáctica e o pagamento das taxas?

Non, se a persoa aspirante se presentou a algún dos procedementos selectivos convocados pola Consellería competente en materia de educación desde a Orde do 17 de marzo de 2014

  • En que prazo deben reunirse os requisitos xerais e mailos requisitos específicos para cada caso?

Deberán posuírse no día no que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira.

 


     


     


     

    Subir ao índice