Inicio


 
 

14/02/2024: Publicación no Diario Oficial de Galicia da Orde do 31 de xaneiro de 2024 pola que se convocan procedementos selectivos de corpos de persoal docente non universitario (ED001A)

Desde o 15 de febreiro ata o 6 de marzo de 2024 estará aberto o prazo de inscrición no proceso selectivo para o ingreso nos diferentes corpos docentes que se convocan pola Orde do 31 de xaneiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 32, do 14 de febreiro de 2024).

As persoas solicitantes deben acceder á páxina web oposicións (www.edu.xunta.gal/oposicions) onde deberán crear unha solicitude. É ademais obrigatorio que a solicitude se presente electronicamente a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia dentro do prazo de presentación de solicitudes indicado anteriormente.

  • Como formulo a solicitude de participación?

A) CUBRIR A SOLICITUDE NA PÁXINA WEB DE OPOSICIÓNS (www.edu.xunta.gal/oposicions)

  1. Identificarse no sistema. Premer no botón de cor verde que hai na esquina superior dereita. Acceder á pantalla de autenticación na que debe escoller no despregable o tipo de usuario que empregará para identificarse: usuario da Consellería competente en materia de educación (se dispón del), Chave365 ou ben acceder co certificado dixital.

  2. Acceder ao menu "As Miñas instancias"

  3. Seleccionar a convocatoria correspondente e premer no botón "Crear nova instancia"

  4. Rematada a solicitude, e corrixidos os erros, se é o caso, premer (GARDAR E SEGUINTE).

  5. Unha vez na nova pantalla, se quere volver atrás, observará que existen campos que non poderá cambiar (corpo, titulación…). Para realizar cambios deberá comezar unha nova solicitude.

  6. Se non rematou de cubrir o total da solicitude, pode pechar a aplicación sen pechar a solicitude as veces que desexe.

  7. IMPORTANTE: Se pechou a solicitude, non poderá volver a modificala. Porén, é posible crear unha nova solicitude aproveitando a información e os datos cubertos previamente.

  8. Unha vez rematada a introdución dos datos, peche a solicitude. Recorde que pode xerar tantos borradores como solicitudes peche, pero só será válida a última solicitude que presente na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

    IMPORTANTE: A única forma válida de presentación de solicitudes é a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Non se admitirán solicitudes presentadas en papel.

B) PAGO DAS TAXAS E PRESENTACIÓN TELEMÁTICA DA SOLICITUDE EN SEDE ELECTRÓNICA :

+ DOADO > PREMA NESTA LIGAZÓN PARA VISUALIZAR TODOS OS PASOS

AVISO: A partir desta convocatoria o pagamento das taxas realizarase obrigatoriamente na sede electrónica da Xunta de Galicia. O pago da taxa electrónica será imprescindible para a presentación da solicitude por medios electrónicos. A sede electrónica non permitirá a presentación de ningunha solicitude cuxo pagamento non se realice con anterioridade á presentación desta mediante o sistema habilitado en sede.

Unha vez pechada a solicitude deberá realizar os seguintes pasos na lapela Presentación:

1.- Premer no botón amarelo Enviar á Sede Electrónica para Presentación

2.-Despois de premer aparece un aviso que lle indicará que se enviou o borrador á sede electrónica pero que a súa solicitude non estará correctamente presentada ata que confirme o borrador na sede.

3. Na mesma xanela prema o botón amarelo Ir á Sede Electrónica para Presentación

4.-Neste intre, abrirase unha nova xanela de acceso á Sede Electrónica. Identifíquese por calquera dos medios admitidos (certificado dixital, Chave 365 ou Clave)

5.-Unha vez identificado poderá achegar a documentación que considere conveniente en formato electrónico (ver apartado “resumo de documentación”).

6.-Prema no botón continuar para pagar a taxa e realice todos os pasos que se lle indiquen na sede electrónica para realizar o pagamento. Ao finalizar o pago poderá descargar un xustificante de telo realizado antes de finalizar a presentación electrónica.

7.-Prema no botón continuar e asine e finalice a presentación telemática da solicitude. Lembre que a solicitude non estará correctamente presentada ata que poida obter o recibo de presentación da sede electrónica co número de rexistro de entrada e data de presentación.


 

  • Que documentación debo presentar?

Resumo de documentación:

1. No caso de non dispor do título, certificación académica oficial que acredite que se realizaron todos os estudos para a obtención deste xunto co recibo acreditativo conforme se efectuou o pagamento correspondente dos dereitos de expedición. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentarse a credencial da súa homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas, mestre en educación primaria ou en educación infantil.

Deberá presentarse a credencial da súa homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas, mestre en educación primaria ou en educación infantil, no caso de titulacións obtidas no estranxeiro.

Deberán achegar o título no caso das persoas que posúan o título de mestre/a de ensino primario, diplomatura en profesorado de educación xeral básica, mestre/a ou grao de mestre/a en educación primaria e aqueloutras persoas que posúan unha titulación de licenciatura ou enxeñería nos que se requira unha especialidade para formar parte das listas para cubrir interinidades ou substitucións e, ademais do anterior, a certificación académica no suposto de non constar no título a especialidade e, de ser o caso, o idioma estranxeiro deste.

Así mesmo, deberán achegar a certificación académica oficial expedida pola universidade acreditativa da obtención da mención no caso de persoas graduadas en educación primaria que obtiveran unha mención nunha universidade distinta da que obtiveron o título e aleguen esta mención para a súa inclusión nas listas de interinidades ou substitucións.

2. De ser o caso, documentación acreditativa de posuír a formación pedagóxica e didáctica.

3. Documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega.

4. Documentación acreditativa da titulación de español, no caso de persoas que non posúan a nacionalidade española e non teñan como idioma oficial o español.

5. Documentación xustificativa da exención ou bonificación das taxas

6. Documentación acreditativa da discapacidade que xustifique a necesidade da adaptación, para o persoal aspirante que solicite a adaptación de tempo e medios.

7. Documentación identificativa para o persoal aspirante que non teña a nacionalidade española.

 

Non é necesario achegar nin a titulación alegada, nin a documentación acreditativa de posuír a formación pedagóxica e didáctica ou o coñecemento do galego ou castelán, no caso daquelas persoas que xa o fixeran nos procedementos selectivos convocados pola Consellería competente en materia de educación desde a Orde do 17 de marzo de 2014.

NOTA PARA A COBERTURA DA SOLICITUDE: a titulación de arquitectura figura no despregable do campo “titulacións” ao elixir a opción licenciatura no campo “tipo de titulación”; a titulación de arquitectura técnica figura no despregable do campo “titulacións” ao elixir a opción diplomatura no campo “tipo de titulación”. Os títulos de doutoramento aparecen no campo “tipo de titulación” ao premer na opción de “mostrar máis titulacións”; neste caso, no campo “titulación” deberá escoller a especialidade do doutoramento.

 

Os seguintes datos consultaranse automaticamente e, polo tanto, non será necesario que achegue a documentación acreditativa, sempre que a persoa interesada non se opoña a súa consulta:

Identidade da persoa solicitante ou representante.

Títulos oficiais universitarios, sen prexuízo do disposto no punto 1 deste apartado.

Títulos oficiais non universitarios que dean acceso á función docente e que consten no Rexistro Central do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes

Consulta da inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais.

Acreditación da condición de familia numerosa, no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).

Acreditación da condición de discapacidade, no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).

Inscrición como persoa demandante de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da publicación no DOG da convocatoria das probas selectivas nas cales solicite a súa participación e non estar a percibir prestación ou subsidio por desemprego na data da publicación no DOG da convocatoria das probas selectivas (só no caso de que sexa alegada esta circunstancia).


 

Teléfonos de información:

- Secundaria: 981-545255, 981-957910, 881-995889 , 981 544486 -981-545445

- Primaria: 981-545495, 881-995887, 981 54 44 88, 981 54 44 83


 

Correos electrónicos:

- Secundaria: persoal.secundaria@edu.xunta.gal

- Primaria: persoal.primaria@edu.xunta.gal

Subir ao índice

Preguntas máis frecuentes da inscrición en liña