Na entrada do museo, quixemos destacar nesta ocasión, unha calculadora mecánica de fabricación alemá.

A empresa Grimme, Natalis & Co adquire a patente dos aritmómetros de W. T. Odhner en 1892 e comeza a fabricación das calculadoras, que se comercializan con nome Brunsviga, nome que procede da localidade Braunschweig onde se atopaba a fábrica.

Ao longo dos aproximadamente 70 anos en que se mantén a produción das calculadoras Brunsviga, fóronse introducindo variacións ou melloras. A calculadora exposta é un Modelo B fabricado entre os anos 1812 e 1927. Ten capacidade para introducir datos de ata nove díxitos e os resultados poden ter ata trece díxitos.

A necesidade de ter que realizar laboriosos cálculos sen erros, motivou a creación de aparellos que facilitasen esas tarefas. A primeira calculadora mecánica inventouse no século XVII, a finais do XIX fixéronse importantes avances neste tipo de calculadoras e na primeira metade do século XX dominaban o mercado da computación de escritorio. As calculadoras mecánicas quedaron desprazadas polas electrónicas a principios dos anos 1970.

Calculadora Brunsviga.