Esta peza, que habitualmente está exposta no corredor adicado á Educación Especial, é unha doazón do CRE Santiago Apóstol de Pontevedra. É da segunda metade do século XX e está feita en ferro cromado.

A máquina costa dos seguintes elementos: seis teclas (unha para cada punto Braille), conectadas a seis punzóns que poden ser pulsadas á vez, unha tecla para separar as palabras, tecla de cambio de liña e outra de retroceso. Consta á súa vez dun timbre que se acciona cando quedan sete caracteres para chegar ao marze dereito.

O papel empregado para a súa escritura debe ser un papel resistente (tipo cartulina).

A máquina Perkins de escritura en Braille supuxo un gran avance para as persoas invidentes permitindo realizar a escritura en Braille dun xeito directo e cunha maior velocidade. Hoxe en día continúa sendo un obxecto de relevancia na ensinanza da escritura en Braille para o alumnado invidente, facendo posible a realización e adaptación das tarefas escolares e favorecendo a inclusión do alumnado con necesidades educativos asociadas á deficiencia visual.