Saltar navegación

3.2.2.- Cun código máis sinxelo: o pseudocódigo

Pantalla de un ordenador con un código fuente de un programa
En Pixinio. Code (Dominio público)

As linguaxes de programación empregan o seu propio código. Falamos de linguaxes de alto nivel, é dicir: que non empregan directamente o código máquina que le a computadora. Polo tanto aproxímanse máis á linguaxe natural. Pero inda así, habendo linguaxes de programación máis sinxelas que outras, editar o código fonte pode resultar complexo. En primeiro lugar porque cada linguaxe ten as súas propias características. En segundo lugar pola cantidade de elementos da sintaxe. E por último, porque unha boa parte dos elementos saen da lingua inglesa.

Para facilitar a programación interpolamos un paso máis no proceso de deseño do noso programa. Antes de crear o programa fonte na linguaxe específica que teñamos escollido, desenvolveremos o algoritmo en pseudocódigo.

Deberías saber

O pseudocódigo é unha linguaxe de alto nivel, cunha serie de normas léxicas e gramaticais parecidas á maioría das linguaxes de programación, pero sen chegar á rixidez de sintaxe destas. Deséñase para que poida ser escrito e interpretado facilmente polas persoas ao estar baseado na súa linguaxe natural. Isto permite codificar un programa con maior axilidade que en calquera linguaxe de programación, coa mesma validez semántica. Normalmente utilízase nas fases de análise ou deseño de Software, ou no estudo dun algoritmo. 

A ter en conta

O pseudocódigo describe un algoritmo utilizando unha mestura de frases en linguaxe común, instrucións de programación e palabras crave que definen as estruturas básicas. O seu obxectivo é permitir que o/a programador/a se centre nos aspectos lóxicos da solución a un problema.

E unha ferramenta útil como vemos. O paso de pseudocódigo a código fonte na linguaxe de programación será doado se somos escrupulosos na lóxica da programación.

Pseudocódigo e Diagrama de Fluxo son dúas ferramentas que empregamos para o deseño do noso algoritmo. Podemos ter unha idea do produto que queremos crear, pero para plasmalo na práctica debemos facelo mediante abordaxes sucesivas empregando os diagramas e/ou o pseudocódigo. Traballaremos na creación do algoritmo mediante a sucesiva descomposición do deseño chave, ou deseño mestre, en subalgoritmos cada vez máis sinxelos que permitan a súa escritura en pseudocódigo.

O obxectivo é que cada subalgoritmo ou subprograma estea composto polos mínimos pasos para identificalo correctamente de forma eficiente; así como tamén que exista un perfecto encaixe entre as diferentes partes.

Podemos ver o proceso no seguinte vídeo.  (Premer)