Saltar navegación

3.2.1.- De problema a problema pasando por diagrama


Na unidade anterior puidemos comprobar a utilidade dos diagramas de fluxo ou fluxogramas para a representación de procesos de calquera tipo. Para a programación informática é moi valioso, tanto na fase de deseño, como na de execución. Tamén para o mantemento e revisión do produto. O fluxograma para programación é un pouco máis estrito que un xenérico, adoitase denominar 
Diagrama de fluxo de datos (DFD).

Estamos dentro do proceso de Deseño do noso proxecto de resolución de problemas mediante un produto informático. Xa sabemos e temos claramente definido como obxectivo central o problema ou necesidade de partida. E imos deseñar o noso produto - programa axudándonos dos diagramas de fluxo de datos e do pseudocódigo. Podes ver o proceso completo na imaxe seguinte. (Preme sobre ela para vela en grande)

Gráfico tipo diagrama de fluxo que amosa o proceso de resolución de problemas mediante a creación de produtos informáticos.
Manuel Torres Búa. De problema a problema (CC BY-SA)

Lectura: Diagramas de fluxo de datos

Estuda amodo o texto. Anota o que non entendas e busca as palabras nun dicionario. Poderías facer un breve resumo coas túas palabras do texto?

(premer)

Diagrama de Fluxo de Datos

Un Diagrama de fluxo de datos representa a esquematización gráfica dun algoritmo, amosando graficamente os pasos ou procesos a seguir para acadar a solución dun problema. A súa correcta construción é sumamente importante porque, a partir do mesmo escríbese un programa nalgunha Linguaxe de programación. Se o Diagrama de fluxo está completo e correcto, o paso do mesmo a unha linguaxe de programación é relativamente simple e directo. É importante resaltar que o diagrama de fluxo mostra lugares de orixe e destino dos datos, transformacións ás que son sometidos os datos, lugares nos que se almacenan os datos dentro do sistema, as canles por onde circulan os datos. Ademais disto podemos dicir que é unha representación reticular dun sistema, contemplado en termos dos seus compoñentes indicando a ligazón entre os mesmos.

Do mesmo xeito que o pseudocódigo, os diagramas de fluxo de datos son útiles para o desenvolvemento e a representación de algoritmos, aínda que a maior parte dos programadores prefiren o pseudocódigo. Os diagramas de fluxo mostran con claridade como operan as estruturas de control utilizadas na programación estruturada.

Un diagrama de fluxo consta dun conxunto de símbolos con diferentes significados susceptibles de ser conectados entre si. En todo diagrama de fluxo podemos atopar os seguintes elementos:

  1. Inicio do proceso.
  2. Especificación da alimentación de datos para efectuar o proceso.
  3. Accións aplicables aos datos.
  4. Obtención de resultados.
  5. Fin do proceso

Tradución e adaptación da información contida en:

UPTCICLOI - Algoritmos y Diagramas de flujo.pdf - Detail”, [En liña]. Dispoñible: https://uptcicloi.wikispaces.com/file/detail/Algoritmos+y+Diagramas+de+flujo.pdf. [Consulta: 6-novembro-2017].
Licenza: Contributions to https://uptcicloi.wikispaces.com/ are licensed under a Creative Commons Attribution Share-Alike 3.0 License.

Preme para obter máis información.

Ampliación

Na seguinte presentación exponse tamén a utilidade dos DFD para a programación informática.