Saltar navegación

2.- Glosario

GLOSARIO (ver/ocultar todas as palabras)

A - D

Actitude lingüística: Percepción ou consideración dun falante cara a lingua, o seu uso, e pode estar relacionada cunha serie de crenzas xeralizadas a nivel social.

Bilingüismo: Situación dun individuo que fala dúas linguas ou da comunidade, rexión ou país en que se falan dúas linguas nun nivel de igualdade.

Castrapo: Variante do idioma castelán falado en Galicia, caracterizada pola abundancia de palabras e expresións tomadas do idioma galego.

Comunidade lingüística: Grupo de falantes dunha lingua dende o punto de vista xeográfico ou temporal.

Día das Letras Galegas: Día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Diglosia: Situación dun individuo ou comunidade que utiliza dúas linguas, cando unha das cales, polo xeral a lingua inicial, é considerada inferior á outra, e a lingua con máis prestixio se utiliza nas relacións sociais máis elevadas ou formalizadas.

E - H

Guerra Civil Española: Conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura.

Hiperenxebrismo: Fenómeno lingüístico que consiste na modificación artificial de certas palabras propias dun idioma, para diferencialas das formas coincidentes noutra lingua da mesma familia, dando lugar a formas incorrectas que pretenden facerse pasar por xenuínas.

I - L

Indoeuropeo: Familia lingüística ampla que engloba a maior parte das linguas europeas antigas e actuais. Ten este nome porque a rexión xeográfica na que se teñen desenvolvido estas linguas esténdese desde a Europa ata a India setentrional. Son preto de 450 linguas, faladas actualmente por 3.000 millóns de persoas en todo o mundo.

Irmandades da Fala: Foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego.

Latín: Lingua da antiga Roma da que derivan as chamadas linguas románicas, como o galego, o portugués, o castelán, o catalán, o francés, o italiano...

Lei de Normalización Lingüística: Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística (publicada no DOG nº 84, de 14 de xullo de 1983) é un desenvolvemento do Estatuto de Autonomía de Galiza que ten como obxectivo normalizar a situación do idioma galego tanto na súa situación legal como no seu uso.

Lingua galega: O galego é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade, así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.

Lingua minoritaria: Termo da sociolingüística tradicional para referirse a linguas que presentaban distintos graos de precariedade.

Lingua minorizada: Termo da Sociolingüística que fai referencia a calquera lingua que, compartindo espazo xeográfico con outra ou outras, ten usos restrinxidos. É aquela que, sendo historicamente propia dun pobo, ve restrinxidas as súas funcións de uso.

Linguas románicas (ou "romances"): Son o conxunto de linguas indoeuropeas procedentes do latín

Lusismo: Corrente lingüística que considera que o galego é unha variedade da lingua portuguesa polo que a súa codificación, particularmente a gráfica, debe realizarse procurando a converxencia co portugués, o que lle asegurará a supervivencia.

M - O

Normativización lingüística: Proceso de elaboración e fixación dunha norma ortográfica, morfolóxica e léxica para unha lingua.

P - T

Real Academia Galega (RAG): Institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Reintegracionismo: Postura lingüística que defende que o galego é unha variedade da lingua portuguesa.

Rexurdimento: Proceso de recuperación da lingua e da cultura galegas iniciado na segunda metade do século XIX. Rosalía, Pondal e Curros son os principais representantes do Rexurdimento.

Séculos Escuros: Período histórico que abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII. Caracterízase pola ausencia case total de literatura galega e polo estado de prostración e marxinación social da lingua galega a raíz da imposición do castelán. Esta entra nun período de decadencia e perde o seu uso nos rexistros oficiais.

U - Z

Vernácula: Propio e característico do país de que se trata ou ao que se pertence.

Xeración de 1925: Foi unha xeración de escritores galegos posterior ao "Grupo Nós". Son autores nacidos ao redor do ano 1900, polo que foron por idade os escritores da época das vangardas. Foron os grandes renovadores da poesía e do teatro galego, continuando co labor modernizador (e europeizante) da literatura galega da xeración anterior. Aínda así, pese a que incorporan elementos vangardistas, non romperon de todo coa tradición. Autores destacados: Manuel Antonio, Luis Amado Carballo ou Eduardo Blanco Amor.

Xeración Nós (ou "Grupo Nós"): Colectivo de intelectuais ourensáns, constituído legalmente en 1921, que lle imprimiu un importante pulo á cultura galega, principalmente no que se refire á renovación da prosa e do ensaio.