Saltar navegación

Que é?

Dende o s.XIX, coas viaxes e a emigración van chegando pezas novas de América ou Centroeuropa, como a rumba ou o valse. Bailábanse dun xeito novo, xa que as parellas non bailaban "ao solto", a distancia que os separaba era pouca, collíanse da man ou mesmo se abrazaban.

Por mor do contacto físico, a difusión destes bailes novos causou escándalo. Para as autoridades da Igrexa, "bailar pegados" ía contra a moralidade e era un gran pecado. Aínda a primeiros do s. XX había cregos que non confesaban as mulleres que bailaban valses ou polcas!

Creáronse xogos con baile solto que incluían algunhas partes de agarrado e a mocidade podía escapar das prohibicións. Pouco a pouco fóronse aceptando e integráronse na nosa cultura, parecendo tan enxebres coma a muiñeira e esquecendo que viñan orixinalmente de moi lonxe. De feito, nos seráns cada rolda de bailes encadeados ten que levar unha muiñeira, unha xota e varios agarrados. 

Frecuentemente eran considerados ritmos foráneo que deturpaban a identidade da nosa música. Aínda así, adoptáronse dándolles un estilo e carácter propio e integrándoos de vez.

Hai moita variedade de agarrados na música galega; aquí indicámosche os máis coñecidos clasificándoos en tres grandes grupos:

1. AGARRADOS DE COMPÁS BINARIO

Pasodobre: canda ao valse, é o agarrado máis bailado. Parece que a súa orixe está nas marchas militares do s.XVIII españolas.

Chiqui-chiqui: é unha variante do pasodobre rápido propio do Baixo Miño (Pontevedra).

Polca: era unha danza campesiña de Bohemia (Polonia e Chequia) de mediados do s.XIX. O paso básico é un paso de salto e tres pasos de marcha.

Rumba: ten orixe afrocubana e foi dos últimos ritmos en chegar. Nalgúns lugares chámanlle 'danza'.

2. AGARRADOS DE COMPÁS TERNARIO

Valse: ten compás ternario. De orixe centroeuropea (Austria e Alemaña), o paso básico son tres pasos de marcha. Moi frecuente e mesmo dá lugar a que se improvisen puntos aínda agarrados.

Charrasquiño: parecido ao valse, os cantores determinan o ritmo do baile polas coplas que botan e que corean os bailadores.

Mazurca: de compás ternario, máis lento cá polca, procedente de Mazovia (Polonia). Dous pasos de marcha e un paso de salto. Tamén lle chaman 'tres saltos'.

Dous pasos: agarrado propio do interior de Pontevedra que se baila levantando o pé cada dous pasos.

 

3. AGARRADOS MIXTOS

Muiñeira corrida: mestura de pasodobre e muiñeira, a cal se pode bailar solto ou agarrado máis rápido.

Esparabán: semellante á muiñeira corrida, cun desprazamento lateral nas partes de muiñeira.

 

Escoita fragmentos de catro agarrados:  Dous pasos (de Toutón), chiqui-chiqui (de Lourido), pasodobre (de San Vicente) e danza (do Sardiñeiro).

Intérpretes: pandeireteiras do Liceo de Noia, Silouras, Arreixeira e Limagoia. Álbum 'Esta noite hai un serán'.