Saltar navegación

Que é? II

Amais dos bandos de reis (que só cantan) e as rondallas da zona de Vigo (que só tocan), no sur de Pontevedra conservan a completa tradición dos ranchos de reis. Riofrío (Mondariz), Guláns, Fozara e As Cortellas (Ponteareas), Fornelos da Ribeira e Lourido (Salvaterra de Miño) ou Salceda de Caselas gardaron este tesouro etnográfico ata os nosos días.

Os ranchos de reis son grupos de músicos e danzantes que percorrían os lugares o día cinco e seis de xaneiro pedindo aguinaldo polos lugares e bailando toda a noite ata a mañá de Reis. Nalgunha parroquia, o día de Reis, empezan bailando dentro da igrexa diante da Virxe e acompáñana en procesión sen lle dar en ningún momento as costas. A danza e o toque da gaita no interior da igrexa sobreviviron ao longo dos séculos ás prohibicións das autoridades que as consideraban unha profanación.

Antes de empezaren coas danzas en cada lugar, interprétanse os cantos de reis.

Encádranse dentro das danzas brancas, polo seu vestiario, música e coreografía. Hai danzas de reis de paus, de castañetas, de arcos e de fitas.

Os traxes son maiormente brancos, con sombreiros adornados con espellos, prumas e teas de cores e cun pano dobrado a xeito de banda cruzando o peito. As mulleres podían levar moitos colares e xoias. Por exemplo, en Salceda de Caselas a dama, interpretada por unha meniña, levaba moitas xoias prestadas das familias ricas e por iso ía con dous homes escoltándoa. Noutros lugares os pantalóns son curtos e vermellos. 

Nalgunha localidade, estes ranchos tamén actuaban no Entroido ou noutra data concreta.