Saltar navegación

Que é? I

Atendendo a unha clasificación máis completa, distínguense as panxoliñas (que reflicten a alegría polo nacemento de Xesús) e os nadais (falan do camiño da Virxe e San Xosé ata o pendello de Belén), ambos os dous propios da Noiteboa e o día de Nadal.

Canto de nadal de Trazo (A Coruña)
Álbum 'Esta noite hai un serán' . Intérpretes: Arreixeira

De fin de ano e primeiro de ano son os cantos de aninovo e os manueis (dedicados ás persoas con ese nome no día do seu santo). Ao longo deste primeiro mes do mes interprétanse as xaneiras.

As epifanías e os cantos de reis son as pezas propias do 5 e 6 de xaneiro.

Canto de reis de Moscoxo (Pazos de Borbén, Pontevedra)
Álbum 'Na seitura do Barroso'. Intérpretes: Pallamallada

Os grupos de xente nova  _ás veces un grupo especializado, os reiseiros ou reiceiros_ ían de casa en casa cantando os reis (reises ou reices). Tamén se chaman bandos ou cuadrillas. Había primeiro que pedir licenza ou atención, continuaban os cantos de reis e acabábase pedindo o aguinaldo, cartos ou algo para comer e beber. Adoitan dividirse en dous grupos para se iren alternando ao cantar, debido á duración dos temas musicais. É frecuente que se acompañen dunha gaita e algúns instrumentos de percusión.

Como vemos neste canto de Xanceda (A Coruña), boa parte das letras destes cantos son en castelán. Isto débese a varios factores: algúns foron difundidos dende Castela e conserváronse sen adaptar á nosa lingua; o rexeitamento da Igrexa durante varios séculos para o uso do galego; o castelán asociábase ás veces cun toque máis formal e tamén satírico ou retranqueiro.