Saltar navegación

4. O Nadal

foto antiga dun rancho de reis

Danza de reis. Imaxe achegada por Ana Belén Antelo para o Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego s. XIX-XX

O tempo do Nadal garda na nosa tradición uns costumes ben arraigados que se conservaron ata os nosos días e a música non ía ser menos. Tomamos os turróns, en moitas casas na Noiteboa céase bacallau con coliflor, poñemos a árbore, escribímoslle aos Reis, se cadra agardamos ao Apalpador... e que pasa coa música? Os vilancicos e as panxoliñas son o mesmo? Supoñemos que no tempo dos nosos avós e avoas non lle cantaban ao reno Rodolfo, pero sabemos a riqueza tan grande da nosa música (e danza) do Nadal?   

Malia que moitas veces os consideremos sinónimos, non é o mesmo o vilancico cá panxoliña. Os vilancicos son pezas para cantar nas igrexas, con textos e música populares ou de autoría coñecida.

Nas catedrais galegas, sobre todo en Compostela e en Mondoñedo, conserváronse moitas partituras de vilancicos. En plenos Séculos Escuros, cando o uso do galego escrito e culto era case nulo, empregouse a nosa lingua para as letras dos vilancicos que os mestres de capela compoñían para as catedrais. Falamos, entón, de música culta, aínda que algúns se popularizaron.

As panxoliñas son cancións populares do Nadal, de autoría descoñecida e transmitidas de xeito oral; daquela, fan parte da música tradicional. É un termo xeral que engloba a música desta época; pero nalgunhas zonas 'panxoliña' é só un dos moitos subxéneros dos cantos de nadal.