Saltar navegación

CARTOGRAFÍA SONORA

cartografia sonora

Agora imos centrarnos en crear cartografías que soen, nas que poidamos embeber os nosos sons en relación a unha localización concreta utilizando diferentes ferramentas que temos á nosa disposición na web.

Dende hai uns anos, gracias ao desenrolo das tecnoloxías web apareceron diferentes formas de engadir sons a un mapa, o que unido á capacidade de compartir e xuntar material de diferentes fontes e usuarios nun único espazo (mashups) deu lugar á creación de mapas sonoros tanto individuais como colaborativos xa que podemos tomar diferentes fontes e xuntalas nunha mesma cartografía.

Basicamente trátase de mapas interactivos nos que podemos escoitar os sons facendo clic nunha localización na que foron rexistrados ou coa que teñen algunha relación. Deste xeito podemos, por exemplo vincular diferentes gravacións de paisaxe sonoro a unha zona para facernos unha idea de como soan eses espazos ou lugares.

Aquí tes algúns exemplos para que entendas do que estamos a falar.

Andalucia soundscape

Andalucía Soundscape Mapa sonoro de Andalucía

escoitar.orgEscoitar.org (2006-2016) Mapa sonoro de Galicia

mapa sonoruMapa Sonoru Mapa sonoro de Asturias

soinumapaSoinumapa Mapa sonoro do País Vasco

sons de BarcelonaSons de Barcelona Mapa sonoro da cidade de Barcelona

Moitos destes mapas sonoros son colaborativos, é dicir; podes utilizalos como plataformas para engadir os teus sons se teñen relación coa temática ou o espazo sobre os que traballan. Esta é a dinámica dos proxectos anteriores o que permite non so que se consigan máis contidos se non que estes sexan máis variados xa que parten de persoas con diferentes formulacións, intereses, coñecementos, etc.

Este tipo de estratexias abertas é moi interesante e fai que entre todos poidamos contribuír a un coñecemento plural do noso entorno. Algún deles incluso permiten crear unha colección cos teus propios sons para que logo os compartas nunha plataforma diferente en modo embebido simplemente copiando un pouco de código e pegando, por exemplo, nun post como fas cos vídeos de Youtube.

Coa desaparición de Escoitar.org a día de hoxe non existe un mapa en Galicia que facilite esta tecnoloxía polo que utilizaremos outro sistema para crear o noso mapa a medida.

Estes mapas sonoros axúdanos a xeoreferenciar os sons e deste xeito engadimos ao que estamos escoitando a información contida no mapa. Aínda que aquí nos referimos a eles como unha forma de representación da paisaxe sonora xa que é o tema xeral desta proposta educativa poden ser tamén moi útis para outro tipo de traballos no ámbito da antropoloxía, a xeografía ou a historia por mencionar so algúns casos.

Este por exemplo é un mapa sonoro, textual e visual realizado en conmemoración dos 25 anos do exilio español en México.

mapa MéxicoMapa colaborativo del exilio español en México

FASE 1

O primeiro que temos que facer é ter unha selección de audios gravados e editados que sexan susceptibles de ser xeoreferenciados, é dicir, que teña sentido vinculalos co territorio como poden ser gravacións de sons peculiares de diferentes puntos da túa zona, gravacións de entrevistas sobre algo relacionado con algún espazo como poden ser os sons característicos, ou sons que antes existían e xa desapareceron, historias, lendas, etc. É dicir elementos relacionados tanto coa memoria oral dun lugar ou zona como coa memoria aural, aquelo que escoitamos e que forma parte da nosa cultura pero que non é comunicación lingüística (oralidade ou musica).

O formato co que traballamos habitualmente cando se grava son é o .wav que vimos no apartado de edición de audio, aínda que, en realidade os que utilizaremos para crear o mapa serán arquivos .mp3 xa que son menos pesados e a interacción será máis rápida ao ter que transferir menos datos.

Ti non terás que preocuparte da conversión xa que o servidor ao que os subiremos encargarase de facer a conversión e te ofrecerá incluso varios tipos de arquivos co que, incluso, aínda que no mapa se reproduza a versión .mp3, cunha calidade algo menor, sempre se pode acceder a versións de mellor calidade poñendo un vínculo ao son de referencia.

É importante que estean ben editados. Recoméndote que fagas un fade-in e un fade-out a cada audio para que a experiencia de escoita sexa menos abrupta.  Lembra poñer nomes que permitan identificalos e cubrir os metadata (podes ver a sección "gardar e exportar") para evitar problemas e confusión máis adiante, xa que é probable que co discorrer do tempo acabes acumulando moitos son e, se é posible, aínda logo de subilos á web conserva unha copia no teu disco duro por se acontece algún imprevisto no futuro.

carpeta para mapa

FASE 2

Existen diferentes ferramentas para crear este tipo de mapas, pero nos imos centrarnos na utilización de dúas delas para crear a nosa cartografía; Archive.org e Umap, da que xa falamos no apartado anterior. Un será o noso disco duro virtual onde aloxaremos os audios e o outro a ferramenta para crear a cartografía.

Logo veremos outras opcións por se se axustan máis ao que precisas.

Archive.org "é unha biblioteca dixital xestionada por unha organización sen ánimo de lucro adicada á preservación de arquivos, capturas de sitios públicos da Web, recursos multimedia e tamén software". Leva moitos anos funcionando e ten unha grande variedade de formatos de arquivos (audio, vídeo, texto, software, etc.). Para que te fagas unha idea, a día de hoxe contén máis de catro millóns de gravacións sonoras de todo tipo. A súa misión é "proporcionar Acceso Universal a todo o coñecemento" recollendo "traballos publicados e facelos dispoñíbeis en formatos dixitais" mediante a creación dunha "biblioteca pública que pode servir calquera no mundo con acceso á Internet" (Archive.org/about).

archive.org

Aquí podes ler máis sobre este espazo.

Como podes ver a filosofía de Archive.org céntrase na idea de difundir libremente e, ao tratarse dunha iniciativa sen ánimo de lucro o seu funcionamento e política non dependen dos usos e caprichos do mercado como acontece en outros servizos como Soundcloud.

Esta é a razón pola que optamos por Archive.org. Así que o primeiro que terías que facer é crear unha conta para o que só necesitas un correo electrónico. Podes ben crear unha conta persoal ou unha de grupo segundo o mapa que queiras facer. En calquera caso isto non vai a limitarte en ningún dos casos xa que estaremos traballando con audios individuais e da igual que estean nunha ou noutra conta. Simplemente escolle a estratexia que consideres máis axeitada ou práctica.

Para crear a túa conta só tes que ir a Sig in.

sign in

A continuación, se aínda tes clave, terás que ir ao formulario para solicitala.

archive data

Agora cobres o formulario cos datos e o teu mail para crear a conta.

formulario

A continuación recibirás un mail e xa terás a túa conta activa para poder gardar os teus arquivos sonoros.

Pero antes de subir os audios tes que entender un pouco como funciona a xestión de arquivos en Archive.org. Non é nada moi complicado pero é interesante para que o teñas en conta á hora de traballar con certa orde e comprender certas peculiaridades.

A primeira é que en Archive.org existe o concepto de Item que é algo así como unha colección de arquivos relacionados. Se fose música podería ser un álbum coas súas cancións ou podes pensar como nunha carpeta do teu ordenador na que colocas arquivos sobre un mesmo tema. Tamén pode ser unha serie de paisaxes sonoras gravadas na mesma zona, ou unha recompilación de diferentes tipos de gravacións sobre un mesmo tema. Sabendo isto podes utilizalo como queiras para organizar o teu material.

Imaxina por exemplo que estás gravando sons de campás de diferentes localidades cos seus toques especiais. Pois os toques recollidos nunha mesma igrexa podería conformar un Item.

archive campás

Pero ao mesmo tempo un Item podería ser so un arquivo, non é preciso que sexan varios. Un Item vai levar unha información xeral que describe todo o que contén polo que se tes arquivos moi diferentes e mellor que cada un deles sexa ao mesmo tempo un Item independente.

É importante que penses ben isto xa que a día de hoxe Archive.org non permite borrar os arquivos que subas ou cambiar o enderezo que crees a primeira vez. Para facer estas modificacións terás que solicitalo e non é moi práctico. Así que cando crees o Item pensa ben que nome lle queres poñer. O resto de información así como os arquivos que contén si que os podes modificar máis adiante.

Pois imos aló. Neste vídeo podes ver como se fai.

Agora xa podemos conseguir a url ou enderezo de cada un dos arquivos, que será o que utilizaremos para colocalos no noso mapa seguindo o procedemento que veremos na seguinte fase.

FASE 3

Cando teñamos os nosos sons aloxados en Archive.org podemos empezar a pensar no mapa utilizando Umap para editar Open Street Maps. Se xa fixeches a actividade de Umap no apartado anterior deberías ter unha conta creada, se non é así podes ir alí e ver o proceso para crear a túa conta e logo empezar a engadir os sons seguindo a partir de aquí.

O que imos facer agora é colocar os nosos audios no noso mapa, é dicir, xeoreferencialos nos lugares nos que foron gravados para facer unha escoita interactiva.

Unha opción interesante de Umap é a posibilidade de agrupar os audios por capas atendendo a certas peculiaridades. Imaxina por exemplo que tes os sons agrupados polas características do contexto no que se produce, por exemplo; sons en espazos públicos e son en espazos privados ou sons de traballo e sons de lecer, etc. Poderías organizalos en diferentes capas de xeito que dependendo da capa de mapa que escollas mostrarán uns ou outros.

Para isto o primeiro que tes que facer é crear as diferentes capas, por exemplo imaxina que temos sons creados pola propia xeografía (xeofonía) e sons producidos directamente polo ser humano (antropofonías). Teriamos que crear estas dúas categorías como capas seguindo os seguintes pasos.

capas

capas

E cobres a información relativa a esta capa e as propiedades que consideres oportunas. Hai moitas opcións para adaptar o mapa ao que precises.

capas

Agora temos que editar os sons para asocialos a unha ou outra capa.

Umap ten moitas posibilidades de customización. O mellor é que probes nos menús. Imos ver algunhas máis simples relativas a os marcadores.

Fíxate que dende aquí podes borrar os teus marcadores, cambiar cores, formas, facer que se amose o audio en formato bocadillo ou como unha ventá lateral, escoller entre diferentes iconas ou mesmo utilizar algunha que estea noutro servidro, etc.

Outra acción avanzada é a de importar xa que con ela podes engadir elementos ao teu mapa que te axuden. Por exemplo, poderías facer un tracking cunha aplicación do teu móbil durante a sesión de gravación e importala no mapa nunha capa capa co que terías as localizacións exactas de cada un dos puntos nos que gravaches e non terías que estar buscando o lugar utilizando o zoom. Ou podes subir incluso un deseño de mapa propio.

importar

Aquí tes algúns exemplos feitos con este sistema de Archive.org + Umap.

mapa Málaga

Mapa de Málaga Mapa sonoro da cidade de Málaga

Fíxate que este ten unha configuración diferente; en lugar de aparecer cada son no seu bocadillo aparece un despregable lateral que inclúe varios sons. Esta é outra opción que ofrece Umap e que é especialmente interesante cando temos, por exemplo, que engadir varios sons nunha mesma localización ou queres poñer bastante texto explicando o son que se escoita, poñer varias fotos, etc. O interesante é que coñezas as posibilidades e escollas a que precises cando o consideres oportuno.

campásCampás e campaneiros Recollida de toques de campás en Galicia

Neste segundo hai ademais outra diferencia xa que en vez de utilizar o reprodutor de audio de Archive.org utilizamos un propio que está aloxado noutro servidor. A razón neste caso é porque queremos poñer varios audios xuntos e tal e como estamos facendo os audios que incluímos co propio reprodutor de Archive inícianse automaticamente polo que teríamos unha mestura de múltiples sons soando ao mesmo tempo, o que pode ser interesante nalgún momento pero non neste traballo de recollida de toques de campás en diferentes vilas.

Se traballamos subindo un arquivo de audio por Item podemos utilizar o sistema de embebido do propio Archive.org e así podemos controlar se o arquivo se reproduce automaticamente ou non cando abrimos o pop-up pero o reprodutor queda algo cortado tal e como vemos no exemplo do mapa de Málaga. Se isto non supón un problema podes utilizar ese outro procedemento.

Se estás interesado en utilizar a versión customizada que aparece no de Campás e campaneiros so terás que pegar este código e poñer a url do teu arquivo tal e como explicamos no proceso de embeber os arquivos. Por exemplo, se o teu arquivo ten esta Url:

https://ia601503.us.archive.org/9/items/Courel/Ovejas%20pastando%20Visun%CC%83a%2019h30%2026-08-2006.mp3

Tes que pegala dentro deste código:

{{{https://debug.cgeomap.eu/bar-ui/index.php?file= |70}}}

De tal xeito que o resultado sexa este:

{{{https://debug.cgeomap.eu/bar-ui/index.php?file=https://ia601503.us.archive.org/9/items/Courel/Ovejas%20pastando%20Visun%CC%83a%2019h30%2026-08-2006.mp3|70}}}

E non tes máis que pegalo na descrición como fixemos cos exemplos anteriores.

Este reprodutor foi deseñado por Horacio González para a aplicación de locative audio e xeolocalización CGeomap.

Se prefieres utilizar outros servicios como SoundCloud para aloxar os teus audios podes embebelos dun xeito similar a este e poderías poñer outro tipo de medios como vídeos (Youtube, Vimeo, etc.), imaxes (Instagram, Flickr, etc.) dun xeito similar a como fixemos dende Archive.org.

Se usas Soundcloud podes utilizar tamén o elegante Script desenvolto por Horacio González no que simplemente indicando as coordenadas do audio como un tag é posible crear un mapa en pouco tempo.

PlayermapPlayermap Sistema de xeolocalización de sons utilizando Soundcloud

Neste vínculo tes tódolos pasos a seguir para instalar o Playermap e crear un mapa a partir de Soundcloud e neste vídeo podes ver o proceso.

OUTRAS OPCIÓNS

Tamén existen outras opcións que non tratamos aquí pero que podes atopar interesantes dependendo das características do traballo que queiras facer.

MAP MAKER

MEIPI

RADIO APOREE