Saltar navegación

Usos e aplicacións

usos e aplicacións

Moitas veces traballamos cun so micrófono, especialmente cando queremos gravar unha fonte sonora inmóbil e localizada nun espazo, como pode ser unha voz ou unha guitarra.

Pero cando queremos gravar sons que teñen certo movemento ou cando interesa non so nos interesa recoller as ondas emitidas pola fonte sonora se non un conxunto de sons emitidos por múltiples fontes e os seus rebotes e reflexións no espazo no que se está producindo (ecos, e reverberacións) entón precisamos de máis micrófonos para recrear na nosa gravación esa sensación.

Aínda que en certas situacións específicas como o cine, algúns concertos especiais ou obras creadas no ámbito da arte sonora é habitual que se utilice un tipo de disposición dos altofalantes multicanle utilizando máis de dous (5.1, cadrafonía, octofonía...), podendo sumar os que queiramos para simular movementos máis complexos do son como acontece no Klangdom no ZKM de Karlsruhe ou mesmo os 450 instalados no pavellón Philips da Exposición Universal de Bruxelas (1958) para interpretar a obra Poema electrónico de Edgard Varese, na maioría dos casos escoitamos os sons en estéreo a través de dous altofalantes ou cascos polo que aquí imos centrarnos no tipo de prácticas que serán reproducidas neste tipo de equipos estándar.

Vamos explicar como combinar os tipos de micrófonos dos que falamos anteriormente para crear unha "imaxe" sonora estéreo que capture a sensación de espazalidade de diferentes xeitos. É dicir; dous micrófonos é o mínimo que precisamos para conseguir que noso cerebro, cando escoitamos a gravación, constrúa a ilusión de movemento e espazos.

Existen moitas posibilidades pero aquí imos comentar algunhas das disposicións máis utilizadas. Non te preocupes se non entendes moi ben todo. Nos traballaremos cun par destes sistemas e os veremos logo en maior profundidade pero está ben que coñezas que existen diferentes técnicas ofrecendo diferentes resultados. Estas son técnicas estándars e o traballo que nos imos desenrolar é creativo polo que moitas veces se trata máis de experimentar que de reproducir o establecido xa que moitas veces é o xeito de conseguir resultados inespeprados.

TIPO COLOCACIÓN IMAXE USO
XY A colocación coñecida como XY e a máis utilizada do grupo chamado par coincidente. Consiste en facer coincidir as cabezas de dous micros cardioides  facendo un ángulo de 90 graos creando un espazo de gravación no que comparten unha parte central e se abren cara os laterais. XY

Esta técnica é un estándar moi utilizado en gravación estéreo porque é moi compatible cando queremos reproducir en diferentes sistemas de audio con diferentes configuracións e incluso é doado converter a gravación a mono sen perder moitos dos detalles.

Existe unha variación desta técnica que utiliza dous micrófonos de patrón en oito e se coñece co nome de Blumlein.

ORTF

Esta técnica foi desenvolvida nos anos 60 do século pasado polo Taller de difusión radiofónica de Francia e consiste en colocar os micrófonos apuntando en direccións opostas creando un ángulo de 110º. 

Hai unha variante coñecida como NOS que debe o seu nome á Nederlandse Omroep Stichting (algo así como a Fundación para a radiodifusión neerlandesa) e na que a separación entre a base dos micrófonos é duns 30cm e o ángulo entre os micrófonos duns 90º.

ortf O resultado é unha sensación de estéreo tamén moi ampla pero ademais a súa compatibilidade cando se reproduce en mono é bastante aceptable
Separado

Tamén coñecida como técnica A-B ou par separado. Pódese realizar con micrófonos cardioides ou omnidireccionais.

A separación entre os micros pode variar pero hai que ter coidado para non producir problemas de fase entre o son que chega a cada un dos micrófonos

ab_espaciado Neste caso, debido á separación entre os micrófonos, o resultado é unha sensación de amplitude do espazo no estéreo resultante
MS A técnica medio-lateral (middle-side) é algo máis complexa que as anteriores xa que utiliza dous micrófonos de diferente patrón polar; un bidireccional en oito e outro, ben omnidireccional ben cardioide. ms

O interesante desta técnica de gravación é que mediante unha operación como a que aparece indicada na imaxe se pode modificar o campo estéreo logo de gravar, na fase de posprodución.

Se non o entendes moi ben non te preocupes. Existen programas que permiten descodificar estas gravacións e modificar os parámetros para conseguir diferentes resultados.

Deste xeito podemos probar diferentes variantes partindo dunha mesma gravación decidindo logo de ter gravado se queremos que teñan máis presencia os audios frontais ou o ambiente, se queremos unha imaxen estéreo máis aberta, máis pechada, etc.

Binaural

A gravación binaural consiste en colocar dous micrófonos omnidireccionais pequenos nas nosas orellas ou nunha cabeza de manequín deseñada para este fin (dummy-head).

As pequenas diferencias de tempo (determinadas polo ancho da cabeza) que se producen na chegada do son a un ou outro micrófono segundo a situación da fonte sonora, así como as interferencias que crea o noso propio corpo (cranio, ombreiro, etc.) fan que o noso cerebro lle confira ás gravacións realizadas con esta disposición un alto grado de realidade espacial.

binaural

Este tipo de disposición é moi interesante, especialmente cando queremos gravar sons en movemento, e múltiples fontes sonoras, como por exemplo unha paisaxe sonora.

Para que non se perda o efecto de realidade é importante que a reprodución se faga con cascos mantendo, deste xeito, a distancia orixinal da gravación entre os micrófonos. Se non o facemos así se perde o efecto.

Esta técnica utilízase moito para pezas artísticas, algúns programas de radio, videoxogos, etc.

Combinacións estéreo, Iainf (CC BY-SA 3.0) / (Dominio público)

Existen moitas outras técnicas diferentes a estas como pode ser a ambisonía, o dobre MS, a utilización de micrófonos con parabólica, etc. pero este cadro-resumen te pode dar unha idea das máis utilizadas.