Saltar navegación

GRAVANDO

capturando sonsUn dos grandes anhelos da sociedade occidental en medio de tódolos avances culturais e tecnolóxicos do século XIX foi a idea de poder capturar aqueles acontecementos perecedoiros, as veces anecdóticos as veces máis relevantes, que formaban parte do noso día a día. Xa acontecera coa fotografía recollendo tanto imaxes de momentos importantes como escenas cotiás, pero o máis difícil era capturar o seu movemento, o xeito no que mudaban mentres o tempo avanzaba, ata que por fin chegou o cinema e a gravación de son.

Ata a invención dun sistema que permitise capturar eses sons e escoitalos logo de que aconteceran tivo que pasar moito tempo. O único xeito de escoitar un son, normalmente a nosa voz, logo de producirse -desprazado no tempo- era o fenómeno que coñecemos como eco (podes ler a fermosa historia de como o explicaban os gregos dende a mitoloxía). En realidade este efecto se produce polo rebote do son en superficies pouco absorbentes e fai que regrese a nos uns segundos mais tarde.

Eco

Echo, Alexandre Cabanel (Dominio público) / Sonar principle, Georg Wiora (CC BY-SA 3.0)

Se este efecto era algo que resultaba case sobrenatural para certas culturas, imaxina o que supón poder capturar o son e repetilo cantas veces queiras e non só uns instantes despois e de xeito efémero.

Escoitar as voces ou a música de xente que viviu hai centos de anos, o son de espazos que hoxe xa non existen ou que cambiaron por completo. Xa sei que isto forma parte do noso día a día na radio, na televisión ou mesmo o é algo que experimentas con toda esa librería de música que levas contigo e podes escoitar cando e onde queiras. Pero isto non sempre foi así. De feito é algo que é posible dende hai pouco máis de 100 anos.

Un dos primeiros en experimentar co rexistro do son foi o francés Édouard-Léon Scott de Martinville. Pero o seu invento so tiña unha finalidade científica; achegarnos á comprensión do fenómeno sonoro. Non pretendía gravar os sons se non debuxar as oscilacións que este produce para aprender máis sobre como ouvimos e como funcionaba o noso oído. O instrumento que creou para desenvolver a súa investigación foi o Fonoautógrafo.

Fonoautógrafo

Fonoautografo (1857) (Dominio público) / Fonoautografía, captura dos documentos de Édouard-Léon Scott de Martinville (Dominio público)

O funcionamento deste aparato é moi similar ao que podes ver nun sismógrafo, aínda que aquí non se trata das vibracións que produce o tremer da terra se non o son. Aínda que este sistema primitivo só podía representar o fenómeno acústico graficamente recentemente un grupo de investigadores, utilizando técnicas avanzadas, conseguiron reproducir algúns deste gráficos e aquí podes escoitar o que sería o primeiro son reproducible da historia.

A partir destes primeiros estudos inventores como Charles Cros, Emile BerlinerTomas Alva Edison, Valdemar Poulsen ou mesmo o galego José Portela Seijo foron algúns dos moitos que continuaron indagando para mellorar os sistemas de rexistro do son e a súa reprodución ata chegar aos dispositivos dixitais cos que contamos na actualidade.

Hoxe en día a tecnoloxía que permite gravar non so alcanzou un alto nivel de perfeccionamento, se non que a súa popularización facilitou que practicamente todo o mundo teña acceso a ela.

Nesta lección imos a aprender a traballar con algunhas das ferramentas utilizadas na captura dos sons pero dende unha óptica creativa procurando atopar os nexos entre a técnica e a expresión artística mediante a utilización do audio.